23082019Vie
Última edición: Jue, 22 Ago 2019 10pm

Sexo, dor e crítica social en 'Nadie Duerme', última novela da viguesa Xina Vega

A profesora de Filoloxía e Tradución recolle as desditas de catro personaxes que se acaban atopando

29 Marzo 2018 por
Valora este artículo
(0 votos)
Xina Vega. / Foto: Duvi Xina Vega. / Foto: Duvi

“Un mergullo na parte máis escura das nosas relacións, unha pescuda do corpo e da relación de poder coa que a miúdo construímos o fantasma do desexo”. Estes son algúns dos trazos que para Xina Vega, profesora do Departamento de Lingua Española, definen Nadie Duerme, a súa última novela.

A terceira obra da docente, quen xa no 2007 acadara o Premio Xerais de Novela pola ópera prima Cardume, publicouse en decembro e, en tan só tres meses dende a súa chegada ás librarías, conta xa cunha grande acollida por parte do público e da crítica literaria.

Nesta nova publicación, a autora recolle as diferentes historias de catro personaxes -unha moza maltratada, un home africano emigrado, unha muller que acaba de abortar e un home que se resigna a non ser amado- que, no clímax da novela, se acaban atopando e comparten as súas miserias ao longo dunha noite na que a escritora amosa o lado máis sórdido do ser humano. Todo isto tinguido, ademais, nun ton de crítica social co que Vega pretende denunciar “a perspectiva máis violenta do ser humano, concretamente a do abuso á muller e aos inmigrantes”.

“Unha crise persoal púxome en sintonía coa parte máis escura do mundo”, destaca Vega, que para crear esta novela se inspirou, segundo afirma, en historias de dano e dor de xente próxima á súa contorna. Ademais, tampouco esquece mencionar nomes de escritoras e escritores como Bataille, Elfried Jelineck e Angélica Lidell, que lle serviron como inspiración para “empregar a violencia e a atrocidade como unha vía de acceso ao coñecemento”.

Á hora de valorar a súa evolución como escritora, Vega non pode evitar comparar a súa última novela coas dúas anteriores que publicou, pois presentan unha temática moi distinta. “En Cardume falaba unha voz máis amable, era unha lectura máis apta para todos os públicos, pero en min operouse un xiro”, sinala a autora, que xa con Dark Butterfly -a súa segunda novela- se encamiñara cara a unha escritura máis reflexiva e pesimista. En Nadie Duerme, título co que rende homenaxe ao poema de Lorca Ciudad sin sueño, Vega conta diferentes historias nas que temas como a desesperación ante o paso do tempo, o abuso sexual á muller e a discriminación racial son os protagonistas. “Estes temas atínxennos a todos, polo que non pensei nun tipo de lector específico. Que cada quen afonde na súa propia ferida”, afirma a escritora.

Primeira novela da autora escrita en castelán
Despois de presentar as súas dúas primeiras obras en galego, Vega decidiu publicar Nadie Duerme en castelán, a pesar de estar escrita orixinalmente en lingua galega. Neste senso, afirma que esta decisión se debeu ás dificultades que se lle presentaron para publicar a novela nesta lingua. “Despois de levar dous anos en cola de edición aquí, sentín que en Galicia non había espazo para o meu libro, e co tempo xurdiu a oportunidade de publicar cunha editorial coa que xa traballara e que admiraba, Pepitas de Calabaza”. Porén, a docente non descarta reeditar a obra en galego nun futuro, se se lle presenta a ocasión.

As reaccións do público e da crítica non se fixeron esperar
Tras a súa publicación a principios de decembro, as críticas de Nadie Duerme en diferentes medios non tardaron en aparecer, destacando tanto a súa calidade como a súa crueza. O escritor e filólogo galego Armando Requeixo definiu esta obra como “un soberbio exercicio estilístico”, á vez que a entende como “unha narrativa extrema e sen compaixón do politicamente correcto”. Pola súa banda, Teresa Moure, tamén escritora e profesora no Departamento de Lingüística Xeral da USC, valora a novela como “un relato durísimo, profundo, sangrante e redondo”. A isto súmanselle, como afirma Vega, “as estupendas reflexións e as fotos do libro que algúns lectores comparten comigo na rede”.

Ademais da súa ocupación como escritora, Vega compaxina o seu labor docente no Departamento de Lingua Española con outros traballos de literatura e tradución. Especialista na obra de Cunqueiro, publicou traballos de crítica teatral en revistas como El Público, Quimera, Zurgai, Anuario de Estudios Galegos, Grial e Tempos Novos, á vez que se ten centrado en campos de investigación como o bilingüismo e a autotradución. Ademais, no 1999 obtivo, xunto a outros catro profesionais, o Premio Sthendal pola tradución ao castelán da novela La disparition, de Georges Perec.

Inicia sesión para enviar comentarios

transporte

navidad 2019

mar

celta

patrimonio de la humanidad

  • Últimas noticias

  • Más leído

Agenda

Sin eventos