14122019Sáb
Última edición: Vie, 13 Dic 2019 8pm

O Festival Sinsal regresa á illa de San Simón

Unha vintena de artistas galegos e internacionais daranse cita na décimo cuarta edición do evento, que manterá a incógnita sobre o seu cartel ata a apertura

07 Junio 2016 por
Valora este artículo
(2 votos)
Presentación do festival, este martes en Vigo. / Foto: Xunta Presentación do festival, este martes en Vigo. / Foto: Xunta

A illa de San Simón volverá converterse este ano no escenario do Festival Sinsal Son Estrella Galicia, que celebra a súa décimo cuarta edición do 22 ao 24 de xullo. Grupos galegos e internacionais comparten cartel nun evento que ten entre os seus atractivos o feito de manter o segredo da súa programación ata o momento da apertura.

Un ano máis, “o festival opta pola incógnita como unha forma de atraer o público interesado, xa que é no momento no que os e as asistentes desembarcan na illa cando reciben o programa coa información sobre o que poderán ver e escoitar nesa fin de semana”, afirmou este martes o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, durante a rolda de prensa de presentación da iniciativa, en Vigo, na que tamén estivo presenta a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva.

Músicas de diferentes continentes
Ata 20 artistas galegos e internacionais daranse cita na programación oficial deste ano. Músicas e sons desde Brasil, Arxentina, Chile, EUA, Reino Unido, Francia, Lituania, Exipto, Portugal, España, Alemaña e Zimbabue, entre outros, soarán este ano en Sinsal, que mantén a súa filosofía de compoñer un cartel procedente de diferentes continentes con músicos que definen os sons de hoxe e que, en non poucas ocasións, encabezan a curto prazo os festivais máis prestixiosos de Europa.

Mulleres, tropicalismo, trobadores
Sen desvelar o cartel, como é norma do festival, o seu director, Xulio Gómez, destacou a participación de bandas de Francia e Portugal, o peso dos trobadores contemporáneos no cartel 2016 e as novas reinterpretacións do tropicalismo brasileiro por parte de novos grupos. Ademais, o festival, que conta coa colaboración da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo, outorgaralles ás mulleres creadoras un papel relevante no cartel, visibilizando o seu traballo en diferentes facetas da música.

Tres días de música e experiencias inesquecibles
Galardoado como mellor festival de formato pequeno en España na última edición dos Premios Fest, Sinsal 2016 ofrecerá “tres días de música e experiencias inesquecibles nunha contorna única, na que recalan periodicamente actividades culturais de referencia como o campamento musical San Simón Fiddle, o obradoiro internacional de tradución poética ‘Con barqueira e remador’ ou o encontro Nethinking”, recordou o secretario xeral.

“Desde a Consellería de Cultura e Educación volvemos apoiar esta iniciativa, que ten na calidade da súa programación un dos seus piares e que se enmarca na completa programación de festivais que conforman a axenda cultural de Galicia para as próximas semanas”, asegurou Anxo Lorenzo.

Novidades da décimo cuarta edición
A décimo cuarta edición do festival presentará novidades relacionadas coa gastronomía, co transporte e co acceso do público menor de 16 anos. O aforo limitado a 800 persoas por día, a contorna natural, o feito de ser un evento diúrno e moi familiar, tanto pola proximidade de músicos e organización co público como polo feito de promover a participación da audiencia nova, sitúan o festival como unha proposta alternativa, que este ano propón obradoiros, experiencias náuticas e paseos en goleta pola enseada.

Venda de entradas
Aínda que xa están esgotadas as entradas para o sábado 23 de xullo, os bonos de tres días, así como os bonos de venres e sábado e de venres e domingo, e as prazas para menores de 16 anos do domingo 24 de xullo, aínda se poden adquirir en ticketea entradas de días para venres e domingo. Tamén están esgotados os bonos camping en colaboración co camping Cesantes, así como o traslado ao festival en goleta o sábado en colaboración coa empresa de turismo mariñeiro Bluscus.

Sinsal, que vén contando coa colaboración da Secretaría Xeral de Cultura e tamén da Axencia Galega das Industrias Culturais –a través da liña de subvencións a festivais– levou á illa en edicións anteriores artistas como Alt-J, L’Enfance Rouge, Hoquets, Jacco Gardner, Mdou Moctar, Chelsea Wolfe, Baden Baden, Owen Pallett, Wire e All We Are, entre outros.

Tamén colaboran co festival Son Estrella Galicia e New Balance, o Concello de Redondela e mais a Deputación de Pontevedra, representados na rolda de prensa por Víctor Mantiñán, Pablo Tojeiro, Xabier Alonso e Carmela Silva, respectivamente.

Inicia sesión para enviar comentarios

medio ambiente

marítima

navidad

  • Últimas noticias

  • Más leído

Agenda

Sin eventos