Imprimir esta página

24 e 25 de xuño

Cultura Quente regresa para converter Caldas na capital do rock de Galicia

Manterá a esencia de festival rockeiro popular a prezos asequibles: abono para os dous días, xa a venda, cun prezo de 26 € e a acampada solidaria

21 Abril 2016 por
Valora este artículo
(1 Voto)
Presentación do festival Cultura Quente. / Foto: Deputación Presentación do festival Cultura Quente. / Foto: Deputación

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o alcalde de Caldas de Reis, Juan Manuel Rey, presentaron este xoves o Festival Cultura Quente que terá lugar o 24 e 25 de xuño. Para este ano, confirmouse xa a participación de grupos como Supersuckers, Marky Ramone, Los enemigos, Ilegales, El Drogas, Siniestro Total, The Soul Jacket, Havalina e Agoraphobia.

Cultura Quente trátase, tal e como subliñou Silva, “do festival decano en Galicia” posto en marcha por veciñas e veciños de Caldas. Neste contexto, a presidenta da Deputación destacou que “se na provincia temos algo extraordinario son as persoas, innovadoras, comprometidas, creativas, con moitas ganas de levar a cabo proxectos de gran envergadura e dinamismo como é o Cultura Quente, un festival que sitúa á nosa provincia como un dos territorios máis creativo, vangardista e moderno de toda Galicia e España”. Amais, Silva fixo fincapé na capacidade do festival para converter á vila termal na capital do rock de Galicia e punto de referencia para os apaixonados dos festivais musicais.

Pola súa banda, o alcalde de Caldas de Reis, Juan Manuel Rey destacou o matiz cultural e solidario do Cultura Quente cunha incidencia moi importante no desenvolvemento económico da vila, ben a través da xeración de postos de traballo ben a través da elevada ocupación hoteleira que se rexistra na localidade.

Cultura Quente 2016 manterá a esencia de festival rockeiro popular a prezos asequibles. Así, o abono para os dous días, xa a venda, ten un prezo de 26 € e a acampada solidaria, nun espazo acondicionado para a ocasión, custará 3 € que serán destinados a unha asociación benéfica.

Inicia sesión para enviar comentarios