O recital, composto por obras de Beethoven, Schumann e Brahms, terá lugar ás 20.30 h no Teatro Afundación de Vigo (Policarpo Sanz, 13). As entradas poden adquirirse mediante as canles habituais de comercialización de espectáculos da entidade: a web Ataquilla.com e o teléfono 902 504 500. Ademais, a fundación galega ten en marcha unha política de bonificacións e descontos para persoas desempregadas, xubiladas e mozas que supón unha rebaixa adicional dun 10 % no prezo das entradas.
Eduardo Portal
O novo director Eduardo Portal está causando un grande impacto entre orquestras e público. O seu debut coa Royal Philharmonic Orchestra foi sucedido por unha tripla reinvitación para a temporada 2014-2015, que incluía o seu debut no Royal Albert Hall e dúas xiras polo Reino Unido, sen esquecer o seu regreso á Orquestra de Cámara Sueca e á Orquestra Sinfónica do Vallés, na súa temporada do Palau de la Música de Barcelona.
En anos recentes dirixiu grandes orquestras como a London Philharmonic Orchestra, a Orquestra Sinfónica do Estado de São Paulo, a Auckland Philharmonia, a Orquestra de Cámara de Lausanne e de Viena, a Filharmónica de Estrasburgo, a Sinfónica de Madrid, a Sinfónica de Navarra ou a Sinfónica de Galicia, entre outras.
Real Filharmonía de Galicia
Iniciou a súa actividade en 1996 no Auditorio de Galicia, Santiago de Compostela, onde presenta a súa tempada estable de concertos. Ademais do mestre compostelán Maximino Zumalave, director asociado e vinculado á rfg desde o seu inicio, e de Christoph König, principal director convidado, tamén dirixen a orquestra outros directores coma Frans Brüggen, Juanjo Mena, David Afkham ou Hansjorg Schellenberger, entre outros. Do mesmo xeito xunto á rfg actuaron os mellores intérpretes, por exemplo Frank Peter Zimmermann, Daniel Hope ou Vadim Repin (violín), Natalia Gutman, Lluís Claret ou Enrico Dindo (violoncello), Joaquín Achúcarro, Rudolf Buchbinder ou Eldar Nebolsin (piano) e cantantes coma Teresa Berganza, Thomas Quatshoff ou Matthias Goerne.
Como actividade externa, a presenza nas cidades galegas, así coma no resto de España, é de capital importancia, do mesmo xeito que as xiras internacionais que realizou (Austria, Alemaña, Francia, O Brasil, A Arxentina e, especialmente, Portugal). Paralelamente, a vocación pedagóxica da rfg tradúcese en actividades dirixidas aos futuros profesionais da música a través da Escola de Altos Estudos Musicais, que imparte o Curso Avanzado de Especialización Orquestral, cos músicos da rfg como profesores. Tamén organiza concertos didácticos para nenos e nenas co Auditorio de Galicia, o que posibilita que cada ano ao redor de sete mil escolares poidan coñecer mellor a música sinfónica. A rfg está xestionada administrativamente polo Consorcio de Santiago e forma parte da Asociación Española de Orquestras Sinfónicas (AEOS).