O programa ábrese este sábado, día 24, coa ópera «Curlew River» de Benjamin Britten. Será ás 20:30 horas no teatro García Barbón.
Durante a súa comparecencia, Rodríguez agradeceu a Amigos da Ópera o seu labor de difusión do xénero e de creación dunha cultura da ópera en Vigo e aproveitou para valorar «a tradición, éxito e futuro do programa» remarcando que a entidade contará sempre co apoio do goberno local.
Daniel Diz, o director artístico de Amigos da Ópera agradeceu especialmente o apoio do Concello de Vigo e da Deputación de Pontevedra así como o doutras entidades e patrocinadores do evento e explicou que esta temporada será «ambiciosa» coa posta en escena de catro títulos.
Tres deles de grande repertorio como son «L’Elisir D’Amore», unha obra clave do canto romántico que chega á cidade o 8 de novembro; o programa dobre «Cavallería Rusticana & Pagliacci» que se representa o 20 de decembro e a estrea en Galicia de «Curlew River», obra de Benjamin Britten nunha proposta rompedora con escenografía e vestiario de Ouka Leele.
Ademais, o Outono Lírico conta coa Orquestra Sinfónica 430 de Vigo e co coro Gaos ou o Coro Universitario de Vigo, apostando por profesionais da cidade, e dá a oportunidade a novas voces de compartir escenario con grandes nomes da ópera como Luis Cansino, Borja Quiza, Javier Palacios, Miguel Borrallo ou María José Moreno.
Ademais do programa operístico, o Outono Lírico ofrece actividades complementarias como mesas redondas e proxección de óperas que se están representando en distintos países do mundo para difundir este xénero en Vigo.