Autoras como Concepción Arenal, Emilia Pardo Bazán, Carmen de Burgos, Carmen Laforet, Alfonsina Storni, Esther Tusquets, Alejandra Pizarnik , Montserrat Roig ou Dulce Chacón, serán homenaxeadas mediante “accións especiais” que desenvolverán na biblioteca. En primeiro lugar, todas as persoas que o luns leven prestados libros escritos por mulleres recibirán flores e unha cita literaria. Ademias, haberá un ‘photocall’ no que inmortalizar o momento.
Igualmente, o martes 15 o equipo de voluntariado do Concello realizará unha nova sesión de ‘Pasen e lean’ con lecturas públicas de textos de María do Carme Kruckemberg. O mércores 16 realizarase unha visita guiada pola Biblioteca e durante todo o mes de outubro estará exposta unha mostra bibliográfica con obras de autoras españolas e hispanoamericanas e unha exposición de carteis das escritoras homenaxeadas.
Do mesmo xeito, a Biblioteca Municipal Neira Vilas celebrará o Día das Bibliotecas o 24 de outubro, “pasando consulta” aos usuarios, atendendo as súas “doenzas literarias” e tratando de atopar unha solución aos seus problemas de lectura. Así, o persoal expedirá receitas con novos títulos como tratamento a estas doenzas e explicará aos usuarios como levar unha vida lectora saudable. Será unha maneira de animar á lectura de forma individualizada con cada persoa.
Co gallo desta xornada, a biblioteca acollerá unha exposición de carteis que amosan os beneficios da lectura homenaxeando aos carteis clásicos de medicamentos do século XX.