O evento, organizado polo Departamento de Filoloxía Galega e Latina da Universidade de Vigo co gallo da presenza do Pergamiño Vindel en Vigo, congregará ás voces máis autorizadas sobre o pergamiño, Martín Códax e a poesía profana medieval galega”, segundo asegura Xosé Henrique Costas, que integra, xunto a Camiño Noia, Bieito Arias e Alexandre Rodríguez o comité organizador do simposio, que se desenvolverá no auditorio do edificio Cambón, no Casco Vello de Vigo.
O expresidente da Real Academia Galega Xesús Alonso Montero será o encargado de ofrecer o venres 24 de novembro a conferencia ‘Historia da recepción en Galicia do Pergamiño Vindel’ coa que se clausurará o simposio, que patrocina a Deputación de Pontevedra e co que colabora o Centro de visitantes Cambón da Xunta de Galicia. A entrada ao simposio é libre ata completar a capacidade do auditorio e ademais quen asista regularmente ás sesións recibirá un certificado acreditativo.
‘Os xoves do Vindel’ volven o 16 de novembro
Tamén coa organización do Departamento de Filoloxía Galega e Latina da Universidade de Vigo, o vindeiro 16 de novembro continuará a desenvolverse o ciclo de conferencias ‘Os xoves do Vindel’.
Tralo aprazamento do relatorio previsto para este xoves 2 de novembro, que previsiblemente se reprogramará en febreiro de 2018, as conferencias reanudaranse o día 16 de novembro coa intervención de Ceferino de Blas, cronista oficial de Vigo, que ofrecerá un relatorio titulado ‘Prensa, sociedad gallega y Martín Códax. ¿Cómo divulgaron los periódicos la figura del trovador y sus cantigas?’ e xa o 14 de decembro, o musicólogo Paulo Gonçalves falará de ‘A música dos trobadores’.
A actividade regresará en 2018, o 25 e xaneiro, con ‘As cantigas de amigo no taboleiro da lírica medieval europea’ a cargo da docente da Universidade de Santiago Pilar Lorenzo Gradín e continuará o 8 de febreiro co tamén docente da USC Ramón Mariño Paz, que falará sobre ‘Literatura en galego e mecenado na Idade Media’.
“Alén de magníficos investigadores, entre os conferenciantes convidados hai moi bos comunicadores: quen se sinta atraído por coñecer mellor unha época esplendorosa da nosa cultura, do noso pasado, non quedará defraudado”, asegura Alexandre Rodríguez, integrante do comité organizador do simposio e do ciclo de conferencias.