A cidade de Vigo volverá acoller un dos eventos máis agardados polos amantes dos libros e da memoria impresa: a Feira do Libro Antigo e de Ocasión de Vigo 2025, que se celebrará entre o 18 de xullo e o 3 de agosto na emblemática Praza de Compostela.
Durante estes 17 días, un total de 13 librarías procedentes de diferentes puntos do Estado, ocuparán 91 metros de exposición e venda, ofrecendo ao público unha coidada selección de volumes antigos, raros, curiosos, descatalogados ou simplemente difíciles de atopar. Trátase dunha oportunidade única para atopar verdadeiras xoias literarias a prezos accesibles, así como revistas históricas e publicacións de coleccionistas, que fan as delicias tanto de bibliófilos como de lectores curiosos.
A feira permanecerá aberta ao público en horario de mañá, de 10:30 a 14:00 horas, e de tarde, de 17:00 a 21:30 horas, permitindo un paseo tranquilo e demorado entre libros que gardan historias doutros tempos.
Este ano, destaca a participación de librarías procedentes maioritariamente de fóra de Galicia, con representación de comunidades como Madrid, Valencia, León, Valladolid e Alicante, xunto con catro librarías da provincia da Coruña. O listado completo inclúe:
- Fiandón (A Coruña)
- Librería Al Tossal (Valencia)
- Itziar Arranz & Dribas Libros (Madrid)
- A Tobeira (A Coruña)
- Quique Libros (Valencia)
- Las Mil y Una… Libros (Alicante)
- Librería Cajón Desastre (León)
- Librería Shora (Alicante)
- A Gata Tola (A Coruña)
- Lorca Libros (Madrid)
- Maxtor (Valladolid)
- Madrid Books (Madrid)
- Arcadia (A Coruña)
A Feira do Libro Antigo e de Ocasión de Vigo é xa unha cita consolidada no calendario cultural do verán vigués, un espazo para o encontro entre lector e libro, onde cada páxina agocha unha nova viaxe no tempo.