Aínda así, houbo relatos procedentes de República Dominicana, Chile, Cuba, Arxentina, Perú, México, Ecuador, Venezuela, Colombia ou Holanda. Ademais, chegaron escritos de toda a Península Ibérica (Madrid, Barcelona, Zaragoza, Sevilla, Granada, Valencia, Oviedo, Mérida ou Cidade Real) e de case calquera punto de Galicia (Vigo, Ourense, A Coruña, Lugo, O Porriño, Carballiño, Catoira, Gondomar ou Cangas).
Tamén hai que salientar o importante crecemento do número de relatos escritos en galego, consolidando unha dinámica que xa se estaba a apreciar ano a ano. Dos 166 relatos admitidos, 50 foron escritos en galego, é dicir, aproximadamente un terzo. En canto a xénero, cada vez hai máis igualdade -case ao cincuenta por cento- e no caso dos escritos en galego hai máis autoras mulleres que homes.
O prazo para a recepción dos traballos comezou o 8 de marzo e finalizou o 30 de xuño. O xurado dará a coñecer os gañadores entre os días 29 de setembro e 6 de outubro e no mes de decembro realizarase o acto de entrega dos premios e a presentación do libro Relatos na Rúa (cos relatos premiados e unha selección dos mellores). Haberá un primeiro premio de 1.000 euros para o gañador, un segundo premio de 500 euros e ata catro accésits de 200 euros cada un.
O xurado desta edición, organizada pola Editorial Elvira e patrocinada polo Concello de Vigo e a empresa Tressis, conta cunha cara nova e moi destacada, xa que se incorpora ao mesmo a escritora Ledicia Costas, Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil.
Xunto a ela, o pintor Antón Pulido, o editor Bieito Ledo, a filóloga e mestra Concepción Varela Portela, os xornalistas Jacobo Buceta e Noelia Otero, a filóloga e poetisa Patricia Meira e o profesor e escritor Julio Alonso serán os responsables da complicada tarefa de elixir aos mellores.