Como é habitual, o acto de entrega do premio terá lugar na tradicional comida que todos os anos, as persoas achegadas a Laxeiro celebran no aniversario do seu nacemento, que este ano se celebrará o sábado, 24 de febreiro, no restaurante Puerta 98 de Vigo onde, antes de comezar a degustar o tradicional lacón con grelos, o Presidente da Fundación Laxeiro e Alcalde de Vigo, Abel Caballero, entregará o galardón a Xosé Luís Méndez Ferrín, pasando así a formar parte do selecto elenco de personalidades que, dende 2004, veñen recibindo este importante premio, como recoñecemento ao seu labor a prol da cultura galega.
A convocatoria é aberta e para asistir, as persoas interesadas só teñen que poñerse en contacto coa Fundación Laxeiro para facer a súa reserva e tramitar o pagamento do cuberto, de 35€, e participar nun acto entrañable que cada ano, reúne a máis de cen persoas, pertencentes ao mundo da cultura, da empresa e da política galegas. Como o aforo é limitado, respectarase a orde de inscrición.
As achegas literarias de X. L. Méndez Ferrín, indisociábeis das realizadas no ámbito intelectual e das estritamente políticas, resultan xa non só indispensábeis senón mesmo basilares na configuración da Galicia contemporánea. Coma se a súa pituitaria tivese unha singular sensibilidade, Méndez Ferrín detectou o pole de ideas da cultura e do pensamento universais sempre dun xeito precoz, o que o colocou tamén constantemente nunha posición de vangarda.
Así, en contos e novelas, defendeu teoricamente e cultivou o que el mesmo chama Nova Narrativa (Arrabaldo do Norte), converteu o imaxinario artúrico nun mito mobilizador (Percival e outras historias; Amor de Artur), novelou varias tensións sociais da Galicia dos anos cincuenta e sesenta (Antón e os inocentes; No ventre do silencio) ou construíu unha alegoría nacional (Jameson) coa que se asocia toda a súa produción: Retorno a Tagen Ata; Arnoia, Arnoia; Bretaña, Esmeraldina; O crepúsculo e as formigas; Elipsis e outras sombras; Crónica de nós ou Arraianos son notábeis conxuntos de relatos amplamente valorados pola crítica entre os que encontramos pezas maxistrais, comparábeis ás de Mérimée, Dieste ou Cortázar, por citar algúns dos seus mestres.
O Méndez Ferrín poeta, que vén de Voce na néboa (1957), prodigouse nos anos sesenta e primeiros setenta con poesía política (Antoloxía popular e Poesía enteira de Heriberto Bens, nome do seu célebre heterónimo) distante do social-realismo. Con pólvora e magnolias de 1976 está considerado como un dos cumes poéticos do século XX e como vigoroso e brillante golpe de leme dado á poesía do seu tempo. O fin dun canto; Erótica; Estirpe; O outro ou Contra Maquieiro son entregas posteriores onde Méndez Ferrín volve sobre espiral dialéctica, símbolo político e literario, sobre a orixe e a identidade resistentes.