19012019Sáb
Última edición: Vie, 18 Ene 2019 9pm

Hoxe falamos con...

Francisco Castro: “Galaxia é unha das trabes do edificio do galeguismo e temos que responder diante da cultura galega”

03 Enero 2019 por
Valora este artículo
(0 votos)
Francisco Castro, director xeral da Editorial Galaxia. Francisco Castro, director xeral da Editorial Galaxia.

Nestas festas de Nadal e comezo do ano 2019 tivemos a fortuna de falar con Francisco Castro, director xeral de Editorial Galaxia, que accedeu a manter unha conversa con Vigoé acerca da historia da empresa, o legado do galeguismo, o papel dos editores na creación dun libro e moitas cousas máis.

VIGO É: Moitísimas grazas por aceptar esta entrevista.

FRANCISCO CASTRO: Un pracer.

VÉ: No noso xornal sempre temos ganas de facer moitas cousas e agradecemos moitísimo esta oportunidade. Queríamos facer unha conversa informal, cunha revisión de que é Galaxia, o seu pasado, que queredes facer, cal é a ilusión da editorial…

FC: Moi ben.

VÉ: E gustoume moito unha idea, cando vin a túa columna, «Desde o dron», na que comentas a realidade de Cataluña desde un dron, desde fóra, como unha persoa allea.

FC: Si, esa é a filosofía.

VÉ: Claro. E eu, que son madrileño, tamén vexo a realidade galega un pouco desde fóra. Así que pensei que era unha boa forma de deseñar esta entrevista. Que me podes contar de Galaxia, véndoa desde fóra?

FC: Moi ben, verás, Galaxia vai cumprir en 2020 setenta anos. Iso creo que moi poucas editoriais no mundo o poden dicir. No Estado español somos, dende logo, das máis antigas, e ademais senlleira en Galicia. E leva estes case setenta anos moi fiel ao espírito fundacional. Galaxia foi fundada en 1950 nun contexto extremadamente complicado, como é o franquismo, e aparte o franquismo dos anos cincuenta, en pleno auxe e con toda a súa potencia. Con moitísimas dificultades, cun altísimo nivel de represión.  E aparte o réxime sabe que os nosos fundadores veñen do galeguismo. Todos eles foron represaliados, incluso Ramón Piñeiro estivo a piques de morrer. Cando Galaxia é fundada, é fundada para salvagardar a cultura galega, para apoiala, para espallala, nun sentido así moi amplo. Case setenta anos despois, seguimos exactamente igual, con outros vimbios, con vimbios da modernidade, loxicamente. Ese labor que antes facían, editando a revista «Grial», por exemplo. Nós seguimos coa revista, pero facemos un traballo en redes brutal, para chegar a todos sitios. Entón eu diría que Galaxia está neste momento moi ben asentada, que é unha editorial perfectamente adaptada ao século 21 e con todos os retos dunha editorial moderna, e con vocación de durar polo menos outros setenta anos máis.

VÉ: Como pouco.

FC: Como pouco.

VÉ: Si, eu subliñei aquí dúas ideas que me parecen importantes: por un lado o tema da identidade galega, pero tamén a evolución e a continuidade. Porque, incluso na vosa páxina web, lin a lista dos libros máis vendidos da editorial o ano pasado e hai un pouco esa mestura: hai libros do ano pasado, como «Os nenos da varíola», de María Solar; ou «As que máis molan», de María Fumaça; pero logo hai libros moi clásicos, como os de Carlos Casares. Francisco Castro FC: Si, eu creo que iso define moi ben o que é Galaxia. Galaxia, efectivamente, ten varias patas sobre as que se sustenta. Dúas moi potentes son esa boa combinación que hai entre clásicos contemporáneos e as novidades. Galaxia é a casa de Castelao. Acabamos de publicar agora «Os álbums de guerra», que foron o noso final de ano literario, un foguete final moi potente. Publicamos «Os álbums de guerra», e ademais como non foran publicados nunca antes, que é nunha edición facsimilar perfecta, é dicir, respectando os tamaños, respectando as cores, pero sobre todo facendo o facsímile a partir das láminas orixinais de Castelao, que todo o que se fixo nestas décadas atrás sempre eran reproducións dos álbums. Pois desta vez son os álbums feitos como Castelao os poido facer, a partir das súas láminas. Entón, o equilibrio entre Castelao, Blancoamor, todo o que é a Xeración Nós, da que agora vamos celebrar o centenario no ano 20… tamén cunha aposta brutal polas novidades —e máxime dende hai dous anos, que é o que hai que eu son o director xeral—, pola renovación do catálogo. Quen revise o que nós publicamos nos dous últimos anos verá moitísima autora debutante —e uso o feminino con toda a intención, porque produciuse unha feminización do catálogo moi importante—, e o lanzamento de novas coleccións —coleccións tan de actualidade como é a «Colección Feminismos», que lanzamos hai un mes—. Eu intuía que ía ter unha boa aceptación: a miña intuición quedou curta, é dicir, fixemos a segunda edición dos tres volumes moi rapidamente e a expectación é enorme, tanto que neste momento temos xa cinco ou seis orixinais que nos chegaron para valorar, para continuar coa colección. Entón, nesa mestura eu creo que está parte do éxito no tempo desta editorial.

VÉ: Si, eu penso iso, que é reformular esa idea orixinal. Como ves a diferenza entre aquela Galaxia e a túa?

FC: Hai unha parte na que non vexo diferenza, que é a que xa expliquei, que é ter moi claro cal é o proxecto: esta non é unha editorial comercial. Nós non podemos dar perdas, porque senón os traballadores e as traballadoras que estamos aquí temos un problema serio, e o propio proxecto tería un problema serio. Pero aquí non se pode publicar «50 sombras de Grey», aínda que alguén nos garanta que imos vender millóns. Iso non se pode facer. Aquí estamos obrigados a publicar en galego «Harry Potter» sabendo que non dá resultado comercial. Estamos obrigados a publicar o «Ulises» de Joyce, porque necesitamos que o galego sexa unha das linguas nas que se poida ler o «Ulises» de Joyce. Entón, moitas veces tomamos decisións de publicacións que sabemos, por dicilo en confianza, que son ruinosas dende o punto de vista económico, pero son importantes dende o punto de vista cultural. Polo que dicía antes: esta non é unha sociedade anónima ao uso, aquí non hai uns accionistas, como pode ser nos grandes grupos editoriais, ou noutras editoriais galegas, que moi lexitimamente teñen que responder diante dos seus donos. Nós temos que responder diante do accionariado, pero temos que responder diante da cultura galega, diante da sociedade galega. Galaxia é una das trabes do edificio do galeguismo. Entón, nese sentido pouca diferenza hai. Eu, cando cheguei —no momento desta entrevista, hai dous anos e dous días— á dirección xeral de Galaxia, ao día seguinte mandei poñer fotos de todos os que nos antecederon na dirección xeral e na presidencia do Consello de Administración, para que non se nos esqueza que hai unha continuidade que hai que manter.

»Pero, ao mesmo tempo, Galaxia está continuamente abríndose a novas posibilidades,  como o mundo dixital. Temos xa moitísimos libros que se poden ler practicamente ao mesmo tempo, con moi poucas semanas de diferenza en papel e mais en e–book. Atendemos moitísimo, e para nós é crucial, o traballo coa infancia. É fundamental facer, e isto por exemplo Casares o tiña clarísimo, lectoras e lectores en lingua galega. E esa é a situación neste momento: somos moi coñecedores do noso pasado, pero non vivimos pegados ao noso pasado. Máis ben nos gusta ver cara ao futuro. Para atrás vemos o xusto. Somos esa herdanza, e ese é o noso ADN. A iso non imos renunciar nunca. Estaríamos tolos se quixéramos facer tal cousa, porque somos a Editorial Galaxia. Por tanto temos moi claros os nosos valores e a nosa identidade. Pero eu teño os ollos postos sempre cara adiante.

VÉ: Claro, a imaxe actual de Galaxia non é dunha editorial vella, senón veterana.

FC: A palabra que acabas de usar é crucial: veterana. Claro que si, setenta anos, case setenta anos, sesenta e oito. Xa peiteamos canas. Polo tanto, dicir que somos unha editorial nova sería absurdo. Pero tamén é certo o que dicía antes: que nós miramos para atrás o xusto. Nós estamos sempre apostando cara adiante, de feito levamos dous anos de crecemento e a idea é seguir crecendo, claro.

VÉ: Eu tamén quería falar diso: hai case 200 ePubs publicados, que nas cifras da editorial é un dato moi importante. É unha aposta clara polo dixital.

FC: E máis que vai ser. En 2019 ten que haber aínda moita máis aposta polo dixital, e isto che explica moi ben o que é Galaxia, porque a cifra de negocio —non en Galaxia, no Estado español— do libro electrónico é ridícula. É dicir, no conxunto do Estado é tres e pico por cento, non chega ao catro por cento da facturación. Sen embargo, temos que facelo. E dos ePubs que se descargan en galego, non só en Galaxia, a cifra é… habería que inventar a palabra… ridiculérrima. Non cobres custes nin dun só ebook. É imposible. Sen embargo, hai que estar. Non pode ser que, se ti, dende o teu móbil, te queres descargar ebooks, non os teñas en galego. Tes que telos tamén en galego.

VÉ: Eu penso que si. É unha conversa que xa tiven con moita xente e non hai moitas editoriais que aposten definitivamente polo formato dixital. No sei por que, non sei se é caro…

FC: É moi caro. E iso hai que entendelo porque moita xente pensa que facer un ebook é darlle a un botón e entón convertes o documento que envías á imprenta nun ePub, e non é así. O formato no que se descargan os libros electrónicos é o ePub, porque non imos dar agora PDFs, que é una cutrada. Non, é o ePub, un ePub que se adapte perfectamente ao dispositivo, que, se ti cambias de vertical a horizontal, no se desbaraxuste e acabe parecendo aquilo un potaxe rarísimo. E publicar un ePub implica unha labor de edición, implica que tes un editor ou unha editora facendo a edición. Hai xente que di: «Pois iso é moi barato, porque aforra papel». Bo, o que aforras en papel, o estás gastando en software, ou o estás gastando en horas de traballo e en moitísimas cousas. E insisto: non hai retorno, non hai ningunha clase de recuperación de custes. Sen embargo, Galaxia ten que coller o seu excedente de beneficio noutro tipo de cuestións para poder ler a Joyce en galego, Harry Potter, ePubs para que quen queira os poida ler… Porque é unha das misións que ten esta casa.

VÉ: Estou de acordo. Eu, por exemplo, traballo moito de noite, e as dúas ou tres da mañá, podo querer un libro en concreto… teño eu esas tolemias ás tres da mañá… e non hai librerías, nin bibliotecas nin nada aberto. Pero a web si está aberta a esa hora, para ter esa dispoñibilidade.

FC: Xusto. Eu amo o papel, pero leo en dixital. Cando viaxo, sobre todo, leo moito en formato dixital. É o que estamos repetindo: dado que está esa posibilidade, ten que existir a oferta en lingua galega.

VÉ: Claro. Ademais porque tedes auténticas xoias. Ves que, para esta entrevista, trouxen algúns dos meus libros de Galaxia, e aquí están xuntos Alessandro Baricco, Begoña Caamaño ou Carlos Casares. Xente moi potente, algúns deles escritos orixinalmente en galego e outros traducidos. E penso que iso é moi importante. Dentro dese traballo tamén está o das fundacións.

FC: Nós sempre dicimos que o Universo Galaxia son moitas cousas: unha é a editorial, que é a casa matriz, o núcleo absoluto do volcán; pero logo hai moitas cousas máis, está a revista «Grial», que tamén leva aí dende 1963, sen faltar ningún trimestre; e logo está o traballo que se fai dende a Fundación Penzol, a Fundación Isla Couto e a Fundación Otero Pedrayo. No fondo é o universo do galeguismo.

VÉ: E tamén hai traducións ao castelán.

FC: Si, está o selo Mar Maior, efectivamente. Nós creamos hai uns anos o selo Mar Maior con vocación de ser o selo editorial dos galegos no mundo. A nosa aposta maior foi cara a América, sobre todo estivemos moi presentes na Feira do Libro de Bos Aires, e poder levar a todo ese colectivo —xa non só de galegos, senón de netos de galegos e de galegas— a posibilidade tamén de ter un acceso directo á mellor literatura que se fai no país.

VÉ: E cunha distribución amplísima. Porque tamén o tema da dispoñibilidade electrónica mellorará aínda máis a distribución.

FC: Claro, evidentemente. A golpe de clic, chegaremos a todo o mundo. Sobre todo cando tes un océano polo medio, é complicadísimo. Nós, por exemplo, os últimos títulos de Mar Maior Brasil, que imos sacar dous títulos o ano que vén en portugués de Brasil, estamos apostando por imprimilos directamente alí. É dicir, faise todo o traballo de edición aquí, nas nosas instalacións, nas que estamos agora, pero imprimimos alí. Porque bo, os custes de imprimir aquí non son moi distintos a imprimir en América, pero o transporte ata alá é realmente complicado. Hoxe en día o correo electrónico e o tránsfer facilitan moitísimo o envío de arquivos, hai excelentes profesionais das artes gráficas tamén alí, e estamos optando por imprimir alí.

VÉ: Todo iso cambiou coa aparición das novas tecnoloxías.

FC: Totalmente. Eu pregúntome moitas veces como farían aqueles compañeiros nosos dos anos cincuenta, cando tiñan que montar un libro, cando había as linotipias e todo iso, que era case un proceso artesanal. Agora as ferramentas de programación simplifican moitísimo todo. E aínda así dá moito traballo. A xente non sabe canto traballo hai detrás dun libro que logo custa dez euros. É dicir, custa dez euros e deses dez euros vai cobrar a distribuidora, a imprenta, os dereitos de autoría, o libreiro e ademais a editorial. E hai quen di que é caro, que un libro de dez euros é caro. Esa mesma xente logo paga por un software de ordenador noventa euros ou por un partido do Celta, cen. E non pasa nada.

VÉ: Ti non é o primeiro que di o mesmo. Nos encontros con outras editoriais, falei disto con Teresa Zatarain, de Creotz Ediciones, hai un mes, e dicía exactamente o mesmo, sobre todo co tema do libro ilustrado.

FC: Buff, iso é impresionante. O que conta Teresa podo imaxinalo. Porque, se xa un libro de texto corrido, de adultos, custa moitísimo de facer; cando falamos de ilustración, aí todo se encarece: se encarece o tipo de papel, normalmente van en tapa dura —o cal tamén encarece moito—, e o traballo da ilustración, que é carísima.

VÉ: Claro, hai una dispoñibilidade que precisa o ilustrador, de estar plenamente dedicado a unha obra.

FC: Si, a un ilustrador teslle que dar seis–sete meses para que faga o seu traballo, darlle un bo adianto, como debe ser e é xusto ademais… Un álbum que logo vendes a dezasete euros, ou dezaoito euros. E insisto, se eses dezaoito euros viñesen para a editorial… pero non é o caso, porque hai moitísima xente polo medio, que é a cadea de valor do libro, onde se van desglosando e perdendo esas cantidades.

VÉ: E ti ademais podes velo doutro xeito por ser editor e ser escritor. Agora estás noutro bando.

FC: Agora estou nos dous. Iso é algo que sempre sucedeu nesta casa, que os editores xerais foron sempre escritores, e eu penso que é unha vantaxe. Eu levo dez anos como editor e levo dous anos como editor xeral, pero publiquei o meu primeiro libro hai trinta, cando tiña vinte e dous. Entón, coñezo moi ben o sistema literario, antes de chegar ao oficio de editor. E isto eu creo que é unha vantaxe á hora de tratar cos escritores e as escritoras. Nós, por exemplo, cando temos que rexeitar un orixinal, sempre somos extremadamente delicados á hora de facelo, porque eu son consciente da cantidade enorme de horas de traballo e de ilusión que hai detrás dunha persoa que che envía un orixinal. Logo ese orixinal consideras que non ten a calidade que ten que ter para merecer unha publicación, pero aínda así, o que é innegable é a cantidade de horas de traballo e ilusión que hai detrás. Entón eu creo que é unha sorte que algunhas empresas culturais sexan dirixidas por persoas que están nese mundo. E dicir, unha discográfica dirixida por un músico será capaz de certas cousas que lle propoñan os grupos e as vai entender moito mellor, porque tamén el as ten pasado ou as pasa. Eu falo en presente, porque sigo sendo escritor.

VÉ: É un salto importante. Os editores son sempre como os malos da película.

FC: Os editores deben ser compañeiros. Normalmente a maioría das experiencias son positivas, case sempre. Pero falamos de persoas relacionándose con persoas, e por tanto non sempre é así. Un bo editor é aquel que, se che ten que dicir que así non, pois o ten que dicir. Un bo editor, se ti xa publicaches unha novela en Galaxia e ve que a seguinte non está á altura, é o que che di: «Mira, esta novela é perfectamente publicable, pero non é tan boa coma a primeira, así que mellor que non a publiques, esfórzate máis». Ou «vamos mellorala». Un bo editor é quen che rexeita un orixinal e che explica por que.

VÉ: Coma un bo amigo: o que che bota as broncas.

FC: Claro. Nós o que esperamos dos amigos, dos pais, das parellas… é que, de cando en vez, cando metemos a zoca, nos boten a bronca. Ou, se ven que imos meter a zoca, que nos avisen para que non o fagamos. E sobre todo un bo editor é invisible. Nos libros intervense, trabállase, discútese e ao final o traballo do editor non se debe notar. Pero creo que é unha sorte para calquera escritor ou escritora ter un bo editor preto, e non o digo por min. Calquera dos meus compañeiros é unha sorte que acompañen a un autor ou unha autora.

VÉ: Ás veces un libro non se ve coma un traballo de equipo.

FC: O noventa por cento é do autor ou autora sempre, por suposto. Pero aí hai un dez por cento que si que os editores temos moito que ver, digamos na feitura final.

VÉ: E na imaxe global da editorial. A min, por exemplo, gústanme moito as vosas portadas.

FC: Si, coidámolo moito tamén.

VÉ: Hai, por unha parte, un deseño global da casa, e logo hai unha particularidade de cada libro que si que se garda moito.

FC: Si, nós coidamos moitísimo iso, temos unha deseñadora gráfica, Hayat Husein, que é boísima. Pero igual de excelentes son as nosas compañeiras e compañeiros que traballan en maquetación, que traballan en corrección lingüística… a produción toda. Nós temos un estándar de calidade alto. Galaxia non pode ser chafalleira. Non pode publicar calquera cousa, e non pode presentar o que publicamos de calquera maneira. Ás veces non estamos finos e nos sae un libro que non é visualmente tan espectacular coma outro. Por suposto, temos unha produción moi elevada e loxicamente non podemos brillar en todo, pero si que lle concedemos moita importancia ao tema do deseño gráfico.

VÉ: E ti non renuncias á túa parte de escritor.

FC: Non. Eu sempre digo que era escritor antes de ser editor, agora son editor e espero xubilarme como editor; pero era escritor, son escritor e, cando me xubile, teño que seguir sendo escritor. Non podo non selo.

VÉ: E volverás á Selección Chilena de Fútbol?

FC (rindo): Pois mira é unha cousa moi curiosa, porque, efectivamente, a xente pon «Francisco Castro» en Facebook e lles sae un futbolista chileno.

VÉ (rindo tamén): É moi bo, din. Eu non entendo de fútbol, pero…

FC: Eu, polo pouco que o sigo, cando fago ego–surfing e me busco a min mesmo en Google, sáeme este futbolista chileno, e sei das súas lesións, de cando o expulsan, dos goles que mete, dos equipos polos que pasa…

VÉ: E contas con volver ou xa non?

FC: Bo, se me chama o seleccionador, verei, pero será unha cuestión de axenda, basicamente. Se podo, irei, claro.

VÉ: Tes moitas cousas agora mesmo.

FC: É que teño moitas cousas, moitas ocupacións xa…

VÉ: Pois non che quero roubar máis tempo. Moitísimas grazas pola túa colaboración e a túa dispoñibilidade absoluta.

FC: Nada, un pracer.

Deja un comentario

Asegúrate de llenar la información requerida marcada con (*). No está permitido el código HTML. Tu dirección de correo NO será publicada.

balance

dep

economía

comarcas

sanidad

  • Povisa renueva su área de partos
    Povisa renueva su área de partos Povisa ha reestructurado y renovado su área de partos con el objetivo de mejorar la comodidad de las mujeres que van a dar a luz en el hospital y facilitar que todo el proceso, desde la dilatación hasta el propio…
    Leer más...
  • Últimas noticias

  • Más leído

Agenda

Sin eventos