19062019Mié
Última edición: Mié, 19 Jun 2019 8pm

entrevista vigoé

«A literatura infantil e xuvenil é o motor da edición en Galicia»

Sushi Books é unha editorial situada en Cangas que fai libros preciosos e moi necesarios. Hoxe tivo a xenerosidade de contestar ás nosas preguntas

22 Diciembre 2018 por
Valora este artículo
(0 votos)
Este Nadal, en «Vigo é», falamos con editoriais galegas, especialmente aquelas implicadas na literatura infantil e xuvenil. Este Nadal, en «Vigo é», falamos con editoriais galegas, especialmente aquelas implicadas na literatura infantil e xuvenil.

Este Nadal, en «Vigo é», falamos con editoriais galegas, especialmente aquelas implicadas na literatura infantil e xuvenil. Sushi Books é unha editorial situada en Cangas do Morrazo que fai libros preciosos e moi necesarios. Hoxe tivo a xenerosidade de contestar ás nosas preguntas.

Moitísimas grazas por atender a «Vigo é». Sushi Books cumpre cinco anos en 2018, integrada dentro de Rinoceronte Editora pero cun espírito propio e unha oferta moi, moi interesante. Que podedes contarnos deste tempo que levades en escena?
Do que máis nos enorgullecemos destes últimos cinco anos é dalgunhas descubertas que fixemos: dende autores galegos, como Érica Esmorís e Antonio Manuel Fraga, que publicaron os seus primeiros libros no noso selo e despois acadaron o Premio Merlín e convertéronse en referentes da LIX actual, a autores de fóra, como Jakob Wegelius, un autor sueco premiado polo Consello Nórdico e ata entón inédito en España, do que publicamos en galego e castelán os libros O mono do asasino e A lenda de Sally Jones. O primeiro foi publicado en catalán posteriormente por outra editora e conseguiu o Premio Llibreter. Aínda que nun principio queríamos publicar autores galegos noutras linguas do Estado, finalmente centrámonos na tradución de autores internacionais ao galego, que era o que faciamos tamén en Rinoceronte.

Como vedes a situación actual do mercado galego en xeral, e a literatura infantil e xuvenil en particular?
A literatura infantil e xuvenil é o motor da edición en Galicia, con claros exemplos como Kalandraka, que é un referente tamén a nivel internacional. Con todo, o mercado do libro en galego é bastante cativo pola situación da nosa lingua e ao final o que máis funciona é o que se prescribe nas escolas.

Sushi Books 04Sushi Books aborda proxectos moi complexos e arriscados, como a tradución ao galego de «O Hobbit» e «O Señor dos Aneis», a cargo de Moisés Barcia. E o resultado final son uns libros preciosos. Como naceu esta idea?
As obras de Tolkien foron os primeiros traballos como tradutor de Moisés Barcia, uns libros no que puxo moita ilusión. Ao facerse dez anos da publicación desta obra en galego, pensamos que era un bo momento para revisar estas traducións e publicar no noso selo unha edición coidada, en tapa dura, e no caso d’O Señor dos Aneis, nun só volume.

Outros grandes autores internacionais cuxa obra traduciu Moisés para Sushi Books son Jo Nesbo, Rudyard Kipling, Gerald Durrell e Michael Ende (tremenda lista). Tamén contades con libros de Jakob Wegelius (traducidos por Laura Osorio) e de Astrid Lindgren (traducido por Jesús Pardo). E con autores galegos, como Antonio Manuel Fraga, Fernando M. Cimadevila o Érica Esmorís. Realmente o voso catálogo é impresionante, en só cinco anos.
Por unha banda, queríamos recuperar os libros que lemos na nosa infancia e que seguen estando vixentes a día de hoxe. Por outra banda, tamén eramos conscientes do talento que hai na nosa terra nese campo, aínda que finalmente nos centraramos na tradución porque xa só aí hai moito que facer e ademais é o que mellor se nos dá. Todo o que podemos facémolo aquí, e o que non, encargámolo a tradutores externos.

Unha das grandes virtudes da vosa editorial é o compromiso coa pluralidade das linguas, xa que contades con edicións en galego, castelán, catalán e en eúscaro. Como abordades a complexidade de publicar en catro idiomas distintos?
A nosa idea era poñer en situación de igualdade a nosa lingua con respecto ao resto das linguas do estado á hora de publicar un libro, e ao mesmo tempo, aproveitar os recursos da publicación dunha obra nunha lingua para publicala simultaneamente noutros tres: dende custes de impresión a promoción, etc. Porén, é complicado chegar dende aquí aos lectores en lingua castelá e, especialmente, en lingua catalá e vasca. Por iso nos centramos no galego, que é o que temos máis próximo, aínda que seguimos publicando libros en castelán esporadicamente.

Ademais, a estética das vosas portadas e da propia páxina web é divertida, vistosa e atractiva. Como traballades esas cuestións?
Dende o propio nome, Sushi Books quería remitir a algo de cores, lixeiro, contido e de bo gusto. Ese concepto intentamos trasladalo ao deseño, con mellor ou peor sorte. Moitas veces a ilustración xa forma parte da propia obra cando a adquirimos, ou é a portada da edición orixinal, que simplemente trasladamos ao galego. Noutras ocasións, temos só un texto ao que procuramos atoparlle un envoltorio ad hoc que chame a atención no andel dunha libraría, e para iso botamos man de ilustradores de aquí, como Pirusca, Miguel Robledo, Adriana Pérez, Jacobo Fernández Serrano, David Rubín, Santy Gutiérrez, Dani Padrón…

Sushi Books 03

Tamén é moi interesante a vosa franqueza cos lectores, colgando en Issuu as primeiras páxinas de cada libro, para poder facernos unha idea. Hai moi poucas editoriais que fagan algo así.
A todo o mundo lle gusta probar antes de pedir o prato, e confiamos en que o que empecen a ler gustará o suficiente como para despois mercar o libro.

Algún proxecto futuro que podades e queirades contarnos?
Imos publicar bastantes obras que cremos que engancharán a público adolescente, dende a calidade, sen descoidar tampouco ao público máis novo, con clásicos coma Winnie the Pooh e obras internacionais recentísimas coma Amelia Fang.

Se en cinco anos xa conseguistes todo isto, que será o seguinte: a dominación mundial?
Con conquistar lectores, abonda ?

Un millón de grazas pola vosa disposición, e desde «Vigo é» desexamos a Sushi Books o mellor dos futuros, porque é obvio que o merece.

Deja un comentario

Asegúrate de llenar la información requerida marcada con (*). No está permitido el código HTML. Tu dirección de correo NO será publicada.

san juan

obras

serie

sucesos

  • Últimas noticias

  • Más leído

Agenda

Sin eventos