23092018Dom
Última edición: Sáb, 22 Sep 2018 10pm

Hoxe falamos con… Beto Luaces

"A idea de que Vigo non ten historia é falsa"

09 Julio 2018 por
Valora este artículo
(0 votos)
Beto Luaces. Beto Luaces.

Un dos escritores que se estrearon este ano na Feira do Libro de Vigo é Beto Luaces, coa súa primeira obra: «Vicvs. Un lugar do común». Falamos con el sobre a arquitectura, o pasado, a emigración e a cidade olívica.

Moitísimas grazas por atender a Vigo é e parabéns pola túa publicación. Que é o primeiro que resaltas da túa obra?
Trátase da primeira entrega dunha serie de novela negra denominada VICVS. Esta futura serie sitúa sempre a súa trama en dous escenarios: Vigo e a serra do Suído. E este dato é importante porque, se non estou trabucado, é a primeira vez que a serra do Suído forma parte dunha trama literaria.

A arquitectura viguesa non é un tema moi habitual na literatura, e sen embargo ti tomas iso como parte fundamental da trama.
Certo. O protagonista do libro é un arquitecto famoso vigués que vén de cumprir cincuenta anos e que, por causa da crise económica, ten que comezar a súa vida profesional de cero. Tamén a súa vida familiar que o leva a actuar como se fose un detective.

Dun tempo para acá, varios autores empezades a reivindicar o pasado de Vigo como base das vosas narracións.  Como ves ti o Vigo actual e a súa historia?
A idea de que esta cidade non ten historia é falsa. Na fase de documentación que fixen para escribir este libro levei unha boa sorpresa cos feitos históricos de Vigo. Centreime, sobre todo, na parte da arquitectura local que reflicte o pasado histórico (en todas as súas etapas) e, tamén, o momento actual. E no momento actual penso que estamos nun stand by e a cidade non acaba de definir moi ben cara a onde quere ir.

Outro aspecto moi importante no teu traballo é a emigración galega, tratando a figura do escritor Celso Emilio Ferreiro e a súa intensa relación con Venezuela. Que podes contarme disto?
A figura de Celso Emilio Ferreiro está presente na novela a través dos poemas do seu libro «Viaxe ao país dos ananos». E eses poemas venezolanos teñen un peso importante na intriga da historia. Descubrimos unha visión da emigración galega diferente e non a habitual que nos contaron. Digamos que… estamos a falar da Cara B dos nosos emigrantes que eu tratei desde o punto de vista da ficción.

A túa obra está considerada novela negra. Estás contento coa etiqueta, e coas etiquetas en xeral?
Estou ben contento con esa etiqueta. A novela negra actual é unha ferramenta perfecta para describir a época que estamos a vivir. As etiquetas non me molestan e son necesarias para ordenar un pouco o mundo literario.

Este será, entón, o primeiro volume dunha serie. Que podes adiantarme dela, sen desvelar grandes secretos?
Pretendo facer unha serie de novela negra. A característica fundamental desa serie é o espazo xeográfico onde se desenvolve: a cidade de Vigo e a serra do Suído. Quero resaltar o contraste entre o mundo urbano e o rural, entre o presente e o pasado, entre a ría e a montaña. E eses dous escenarios son perfectos para a trama negra. Este primeiro libro é o quilómetro cero da serie e nas próximas entregas sempre vai haber temas moi locais e, xa que logo… universais.

Que opinas do actual boom da novela negra? Algunha recomendación que te marcara no seu momento?
Ese boom é merecido porque é real. A novela negra actual modernizouse e xa non ten nada que ver coa novela negra norteamericana de antes. Existen novelas negras que se desenvolven no rural, nunha illa afastada, nun deserto africano, mesmo nunha reserva indíxena dos Estados Unidos. A min rescatoume como lector a triloxía Millenium do sueco Stieg Larsson, que xa é un clásico. E recomendaría a denominada Triloxía de Lewis do escritor escocés Peter May, unha marabilla, nas Illas Hébridas exteriores.

Como ves o xénero na actualidade, desde o punto de vista dos lectores e dos autores?
O xénero está en plena forma e, como dixen antes, os temas e os escenarios son moi variados. Eu como lector estou encantado de todas as propostas que hai.

Grazas pola túa disposición. Algunha mensaxe final que queiras dar?
Estou moi contento da acollida que está a ter a novela: moitas presentacións, actos cos clubes de lectura, rutas literarias, boas críticas… En fin, que as miñas expectativas están superadas e espero que a serie se concrete e os lectores sigan contentos co resultado. E, por último, quería darvos as grazas por esta entrevista. Un saúdo.

«Vicvs. Un lugar do común» xa está na rúa e promete aos seus lectores que este será o comezo dunha longa amizade.

Deja un comentario

Asegúrate de llenar la información requerida marcada con (*). No está permitido el código HTML. Tu dirección de correo NO será publicada.

celta

in memoriam

  • Hasta pronto, Juan Costa
    Hasta pronto, Juan Costa Los Bancos de Alimentos de la Federación Española (Fesbal), llevamos en nuestros estatutos los principios de ser aconfesionales y apolíticos. Sin embargo, los voluntarios que los componemos, al margen de ser libres para elegir personalmente cualquier opción político/religiosa, somos seres…
    Leer más...

polémica

  • Últimas noticias

  • Más leído

Agenda

Sin eventos