23102019Mié
Última edición: Mié, 23 Oct 2019 11am

Hoxe falamos con… Ledicia Costas

Ledicia Costas: "Necesito sentir que estou contra as cordas para dar o mellor de min"

06 Julio 2018 por
Valora este artículo
(0 votos)
Ledicia Costas. / Foto: Consellería de Cultura Ledicia Costas. / Foto: Consellería de Cultura

Celebramos estes días en Vigo a Feira do Libro, na que asina as súas obras a viguesa Ledicia Costas, unha das autoras máis premiadas dos últimos tempos e tamén unha das máis comprometidas co traballo nos colexios, a lingua galega e a creación literaria en xeral. Os seus últimos traballos publicados son «As peripecias de Extravaganzza Pérez» (Xerais, 2018), «Os arquivos secretos de Escarlatina» (Xerais, 2017) e «A señorita Bubble» (Xerais, 2017).

Grazas por atender a VIGOÉ. En primeiro lugar, parabéns por estas obras fermosas e imaxinativas, que moitos consideran clásicos da literatura infantil e xuvenil. Ti coñeces de primeira man á xente nova, xa que realizas encontros en colexios durante todo o ano. Que experiencia tes deste traballo?
É un labor moi intenso. Implica moitas horas de dedicación. Mais para min é imprescindible. Visitar escolas axúdame a estar en contacto permanente coa rapazada, tanto de primaria coma de secundaria. Fálanme das súas inquedanzas, dos seus obxectivos, das súas preferencias... Moitas veces saio das escolas con recomendacións lectoras que a rapazada me fai. Tamén me fan suxestións arredor do que lles gustaría que escribise. Teño moi en conta a súa voz á hora de abordar a escrita dunha nova obra.

Tamén abordaches a literatura para adultos en «Un animal chamado néboa» (Xerais, 2015), que recibiu o Premio Losada Diéguez de creación literaria. Que diferenzas notas entre un público e outro?
O público infantil entrégase por completo. Son entusiastas. Quérente coma se foses un ser doutro planeta: máxico e inalcanzable. Pero, sobre todo, son fieis ata a medula. Se chegas a ese público cun libro, ten por seguro que van agardar con impaciencia polo seguinte. E, se lles volves chegar, gañáchelos para sempre. Iso é marabilloso. Tamén vivín experiencias moi bonitas con persoas adultas que, ademais deste libro de relatos do que falas, leron os meus libros infantís ou xuvenís. Lembro unha muller duns oitenta anos que me confesou que ela e mais as súas amigas leran «Escarlatina, a cociñeira defunta», e que puxeran en práctica as receitas que veñen no libro. Que se divertiran moitísimo, coa lectura e coa cociña. Estes momentos marcan.

Estiveches esta semana na Feira do Libro de Vigo en dúas ocasións. Como ves estes encontros?
Encántame ir á Feira do Libro de Vigo. Cando era unha nena ía da man da miña nai, como lectora. A primeira vez que presentei un libro nesta Feira, e me vin do outro lado, sentinme moi rara. Como se acabase de cruzar unha barreira invisible. Desde entón, cada ano, acudo a esta cita con moitísimo entusiasmo. É un dos meus eventos favoritos do ano, porque teño a ocasión de compartir momentos co lectorado da cidade onde vivo, e que moitas veces transformo en materia literaria.

O primeiro día na feira participaches con Fran Alonso nunha charla sobre mulleres revolucionarias na túa obra. Certamente, as túas protagonistas son decididas e esfórzanse en afrontar os seus propios medos. Como deseñas estas personaxes á hora de escribir unha novela?
Basicamente, por instinto. O feito de ser muller e vivir algún proceso semellante ao que viven moitos dos personaxes dos meus libros facilítame moito o traballo. Son unha persoa observadora, pendente da sociedade na que vivimos. As mulleres, para cumprir os nosos obxectivos, temos que romper roles unha e outra vez, cuestionarnos o mundo no que vivimos. Iso mesmo é o que fan as protagonistas dos meus libros.

Ao mesmo tempo, escribes sobre enfermidades na infancia, as relacións no instituto, a guerra, as novas tecnoloxías, o medo ás persoas diferentes ou a morte; temas arriscados cos que moitos escritores non se atreverían. Como encaras eses retos?
Non sei escribir doutro xeito. Cada libro ten que ser un reto. Necesito sentir que estou contra as cordas para dar o mellor de min. Supoño que por iso acabo sempre escollendo temas de certa complexidade. Son os que me motivan e tiran de min a nivel creativo. Eu necesito saír en cada libro da zona de confort. Nese sentido, o grao de autoesixencia é elevado. Creo que son a miña peor crítica!

En «As peripecias de Extravaganzza Pérez» falas sobre o cariño polos animais e o amor pola aventura; en «A señorita Bubble», sobre a enfermidade, a tecnoloxía steampunk e o odio irracional ao diferente; e en «Escarlatina», sobre a morte e tamén a cociña. En que te embarcarás agora?
Agora estou embarcada na escrita dun ‘thriller’ psicolóxico para persoas adultas. Unha novela dura, tanto a nivel temático como pola tensión emocional que rodea os personaxes. É un libro coral, que me está a esixir moito esforzo tanto a nivel técnico coma estilístico. Vai ser un verán de moitas horas diante do ordenador.

Recoñezo que unha das miñas favoritas é «Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta». E non son o único que o pensa, xa que este libro recibiu o Premio Lazarillo de Creación Literaria en 2015, o Premio Fervenzas 2016 ao Mellor Libro de Literatura Xuvenil, o Premio Gala do Libro Galego (Infantil/Xuvenil) en 2017 e o Premio The Withe Ravens tamén en 2017. «Recinto gris» foi engadido á lista de obras recomendadas para persoas con discapacidades do Centro IBBY (International Board on Books for Young People). «Escarlatina» recibiu o Premio Merlín de Literatura Infantil, o Premio Nacional de Literatura Infantil y Juvenil, o Premio Fervenzas 2014 e o Premio Xosé Neira Vilas, e foi engadido á lista de honra do IBBY. Como se viven tantísimos méritos?

Creo que hai certa inocencia que nunca se debe perder. Cada vez que publico un novo libro, teño as mesmas sensacións. Esa ilusión, un lixeiro desacougo polo que poida suceder con ese libro, a incerteza do futuro... Cos premios sucede o mesmo. Xamais dou nada por feito. Son unha axuda grande que abre portas, pero vívoos con responsabilidade e sendo consciente de que hai un longo camiño por diante.

Pero ademais «Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta» é unha mostra de amor por Vigo e polas novelas de aventuras do escritor de Nantes. Estiveches moi comprometida nos actos de homenaxe da cidade. Que podes contarnos de Verne, nesa dobre visión que tes: primeiro como lectora e despois como autora? E como cres que o ve a xente nova de hoxe?
Todos os actos arredor do 150 aniversario da chegada do Nautilus á Ría de Vigo e do 140 aniversario da primeira das visitas do escritor de Nantes a Vigo foron un fito para esta cidade. A ficción literaria converteuse na protagonista, nun escenario moi amable. Vigo acolleu cos brazos abertos de par en par este dobre acontecemento. Da man desta novela da que falas vivín cousas impensables. Como coñecer o xornalista Jean Michel Verne, tataraneto de Jules Verne, que estivo en Vigo o pasado mes de xuño grazas a colaboración do Instituto de Estudos Vigueses, da Sociedade Hispánica Verniana, do Concello de Vigo e do traballo incansable de persoas coma Eduardo Rolland.

Eu fun lectora de Verne na infancia. O feito de construír unha novela onde o escritor tivese un peso decisivo foi un verdadeiro reto.

A xente nova coñece as máis populares novelas de Jules Verne. Coido que en moitísimas das obras deste autor hai unha fascinación que sobrevive moi ben o paso do tempo.

Agora Vigo tamén rende homenaxe a Ledicia Costas, nomeada viguesa distinguida este ano, curiosamente con outro autor moi versado na literatura infantil e xuvenil: Antonio García Teijeiro. Como viviches ese día?
Con alegría, claro! Que a cidade onde vives e á que tanto queres che recoñeza o teu labor é sempre un motivo de orgullo. A cidade somos as persoas que a conformamos. É bonito recibir un agasallo así.

Moitísimas grazas por colaborar con nós. Algunha cousa máis que queiras contar aos nosos lectores?
Que agardo que visiten a Feira do Libro. É unha ocasión fantástica para coñecernos, para asinar libros, para conversar. A Feira precisa da caloriña da xente. 

Inicia sesión para enviar comentarios

sucesos

economía

  • Últimas noticias

  • Más leído

Agenda

Sin eventos