Imprimir esta página

Hoxe falamos con… Pedro Feijoo

"«Sen piedade» é un libro terrible e dolorosamente persoal"

O escritor galego, presente na Feira do Libro de Vigo, profundiza na súa obra e, en particular, nas súas últimas publicacións

04 Julio 2018 por
Valora este artículo
(0 votos)
Pedro Feijoo. Pedro Feijoo.

Un dous autores máis recoñecidos do panorama galego actual é Pedro Feijoo, que estará estes días na Feira do Libro de Vigo. Nesta ocasión falaremos con el das súas últimas obras: «Camiñar o Vigo vello» (Xerais, 2018) e «Sen piedade» (Xerais, 2018).

Grazas por atendernos, Pedro. Que podes contar, sen desvelar grandes incógnitas, de «Sen piedade»?
«Sen piedade» é unha novela que se move entre dous planos diferentes: aparentemente nada máis é unha especie de road movie literaria protagonizada por un par de capullos que se lanzan ao despiste das súas penas nunha noite de festa sen freo. Por suposto, un pode ler a novela sen ningún tipo de pretensión adicional e disfrutala así, como se non dixese nada máis.

Pero, como sempre fago, en realidade esta historia quere ser algo máis: para empezar, e aínda que nun principio podería parecer que os protagonistas principais son os dous mozos, Gordo e Teo, as verdadeiras protagonistas son elas, tres mulleres sen voz e mesmo case sen nome que, aínda que ao longo de toda a novela non teñen nin unha soa palabra de texto, descubrimos que berran en silencio páxina tras páxina, cada vez con máis forza, con máis estridencia segundo imos avanzando na trama.

E isto é algo que está feito moi a mantenta, intentando transmitir un reflexo de como eu interpreto o que está a acontecer na nosa realidade cotiá, onde a pesar de que elas, as vítimas, debaerían de ser o máis importante, nós como sociedade sempre acabamos poñendo os focos de atención sobre os mesmos. Eles, os atacantes, os maltratadores, os violentos. Os verdugos.

E, por outra banda, «Sen piedade» é un libro terrible e dolorosamente persoal, unha especie de axuste de contas cos meus propios demos, os mesmos aos que levaba xa anos ignorando, facendo como se non existisen, como se non os escoitase retorcerse dentro do armario. Unha batalla que xa me tocaba librar e na que, por suposto, saio perdendo, por completo derrotado, pero coa sensación de que era o que tiña que facer... Ás veces non se trata de facer o máis satisfactorio senón, simplemente, o correcto. Iso é «Sen piedade».

«Camiñar o Vigo vello» é un dous libros máis fermosos dos últimos tempos, unha mostra de amor por Vigo. Como naceu a idea?
Da máis pura necesidade. Alguén me dixo unha vez que sentir gratitude e non expresala era como envolver un agasallo e logo non regalalo. Xa desde cativo, todo o que recibín desta cidade foi tanto, tan abundante e xeneroso, que agora sentía que o xusto, a parte que a min me correspondía dentro dese trato era precisamente iso, devolver parte de todo o recibido. Compartilo, e buscar que a memoria da cidade siga a se propagar, a crecer entre todos, antes de que se perda, como tantos outros episodios determinantes para comprender a razón de ser da propia cidade, no esquecemento.

O libro ven acompañado por numerosas rutas literarias que estás organizando neste tempo. Como vives esta experiencia?
Cunha mestura de alegría pola resposta recibida, tan entusiasta, e de agradecemento pola inmensa xenerosidade mostrada por parte da xente á hora de aceptar a miña proposta e estaren dispostos a participar nela e compartila.

A túa relación literaria con Vigo é moi antiga, demostrada en obras anteriores. E ti es actualmente un dos maiores expertos na historia da cidade. Como ves Vigo hoxe?
Antes de nada, agradezo o cumprido, pero, co debido respecto para todos os implicados no estudo da historia viguesa, gustaríame deixar claro que eu non son nin de lonxe un dos maiores expertos nin na historia da cidade nin tan sequera en nada, e non son poucos os homes e mulleres por completo máis preparados e mellor cualificados ca min nesta materia. E, por citar aínda que nada máis sexa un dos moitos e verdadeiros eruditos cos que conta a memoria viguesa, baste con mencionar a Jorge Lamas.

Aclarado este punto, eu, que veño sendo algo así como o neurótico máis optimista do mundo, vexo a cidade mellor que nunca. É certo que aínda queda moito por facer, pero estou plenamente convencido de que contamos coa máis importante das ferramentas perfectamente afinada: a xente. Superada aquela xeración, necesaria pero urxente, que chegou coa industrialización dos anos sesenta para instalarse na idea de que Vigo era unha cidade sen pasado, onde a nosa historia se limitaba a describir as cousas como “iso foi así de toda a vida”, agora é unha nova xeración a que lle toma o relevo. E esta nova xeración si se recoñece a si mesma como viguesa, e valora orgullosa o seu. E sente curiosidade, e busca, e pregunta, e comparte. Sobran dinosetos, pero por fortuna temos veciños.

Que pensas das etiquetas que che colocan: novela negra, de aventuras, thriller…?
Bueno, mira, iso das etiquetas supoño que é algo inevitable. A min o que me importa é que os libros cheguen á xente. Que lle gusten, que a entreteñan. Necesito que así sexa porque, como dicía ao principio, aínda que esas novelas nada máis parezan textos de aventuras, thrillers, novelas negras, en realidade sempre son algo máis. Hai unha mensaxe oculta baixo a mesa. Pero para poder transmitila, para poder inoculala, eu necesito que ti goces desa lectura. E se para iso hai que poñerlle unha etiqueta, pois adiante. Como dicía aquela canción de Paul Simon, you can call me Betty...

Ti es o teu propio tradutor ao castelán. Como é o labor de traducir o teu traballo?
Ben, eu tómoo como outra parte máis do traballo. Non me importa facelo se con elo contribúo a que non se perda esa naturalidade dos meus textos que tanto me preocupa.

Ao mesmo tempo, es un autor moi implicado coas redes sociais. Que opinas desta nova realidade?
Eu creo que as redes sociais nada máis son outra canle, e nunca o fin. En realidade co que estou moi implicado ao cento por cento é co diálogo co lector, e para iso válome de todos os medios ao meu alcance, xa sexan as redes, os paseos, os clubs de lectura ou a táboa ouija. Teño moi claro, desde o primeiro momento, que isto é cousa de dous: escritor e lector. Xa sei que para moitos autores non é así, que hai quen escribe para se coñecer a si mesmo. Pero ese non é o meu caso. Eu xa me coñezo e, de feito, mesmo hai partes de min que desexaría non ter coñecido xamais. Non, eu non escribo para falar comigo senón para buscar, ou mellor dito, para recuperar o diálogo cun público que está aí. Que sempre estivo aí a pesar de que nós, que somos máis chulos que un Ocho, nos permitimos o luxo de lles dar as costas por demasiado tempo.

Gústame moito o que estás a facer con «Sen piedade»: un capítulo, unha canción. Son reminiscencias do teu traballo musical?
En realidade non. Antes que músico, eu sempre fun unha persoa namorada da música. Dá igual que fose músico ou non, a min sempre me gustou escoitar música, discos, cancións. E agora, dentro desa liña tan persoal que rodea esta novela, o feito de compartir todas esas cancións, tan importantes na miña traxectoria persoal, na banda sonora da miña vida, non é outra cousa senón abrirme un pouco máis. No fondo dóeme cando me preguntan se eu son Simón Varela. Porque, aínda que me gustaría que así fose, ser tan boa xente coma el, o certo é que non o son. E se son algo que pague a pena coñecer (ou non), ese algo atópase máis preto do que amoso en Sen piedade, e todas esas cancións, que a min tanto me emocionan, ou me fan berrar, ou me derrotan, ou me acompañan na miña tristura, non son outra cousa que unha tentativa de dar a coñecer a persoa que hai detrás do autor. Botellas ao mar que o náufrago lanza desde a súa illa co desexo de que, oxalá, haxa alguén ao outro lado...

Que será o próximo: máis Vigo, Cataluña o algún lugar completamente afastado?
O próximo será recordar onde gardei o bañador (hai xa tanto tempo...), e tentar perderme nunha praia deserta. Logo de todos estes anos escribindo sen parar, creo que vai sendo hora de descansar un pouco...

Moitísimas grazas por darnos o teu tempo. Algo máis que queiras contar aos nosos lectores?
Grazas por estar sempre aí. Sen ese apoio, sen eles pechando o diálogo, o meu traballo non vale nin os 29 kbs. que pesa esta entrevista...

Pedro Feijoo estará na Feira do Libro de Vigo o día 6. Pásate por alí e goza deste gran escritor.

Inicia sesión para enviar comentarios