As cores vermello, negro, amarelo e branco e a inconfundible forma hexagonal do lapis Staedtler do número 2 son o leit motiv co que o deseñador catalán Alfredo Palau foi construíndo unha colección de pezas únicas que pódense ver no café Detrás do Marco (r. Londres s/n).
Palau, nacido en Barcelona en 1947, desenvolveu unha exitosa carreira como cartelista e deseñador gráfico, cun traballo moi vinculado á Cataluña produtiva e industrial. E ese carácter forxado durante décadas en estudos para os que traballou reflíctese agora na súa proposta artística de cadros e pezas que poden identificarse cunha particular forma de entender a arte pop.
A exposición está composta por cadros e esculturas nos que, a través dunha fina ironía, Palau expresa a importancia vital do lapis, mesmo nestes tempos nos que a creatividade se ha trasladado aos soportes dixitais. Palau reivindica a beleza analóxica do lapis que lle acompañou desde neno como eficaz ferramenta de relación cos demais. Xordo de nacemento, as letras e debuxos trazados con este modesto utensilio abríronlle as portas ao mundo, non só para comunicarse, senón tamén para facer aflorar o seu talento como artista.
Por iso na obra, o lapis preséntase como parte de si mesmo, empaquetado nunha lata de conservas, como unha chave mestra que abre todas as portas, como sangue nun tubo dunha mostra para unha análise ou como un paxaro que voa libre.
O resultado é un conxunto sorprendente de obxectos imposibles pero cargados de significado que agora, xubilado e afastado da frenética presión que lle provocaba a necesidade de entregar os traballos a tempo, pode idear e gozar fabricando.