“Con A de Astrónomas” é unha iniciativa promovida polas áreas de Igualdade do Concello de Vigo e da Deputación de Pontevedra que leva dende o pasado 22 de marzo aberta ao público na primeira planta da Casas das Artes de Vigo e que pechará as súas portas o 14 de maio. A exposición é o resultado dunha iniciativa do grupo «Ella es una astrónoma» formado por profesionais do campo da astronomía, a filosofía, a historia e o ensino, e consiste nunha serie de paneis físicos, elementos interactivos e material de atrezo (réplicas de instrumentos antigos e estatuas) utilizado na película Ágora, dirixida por A. Amenábar, que narra a vida de Hipatia de Alexandría.
Esta mostra é unha viaxe pola historia a través dunha serie de paneis que fan un percorrido entre os principais fitos da astronomía e que pon o foco nas mulleres que dedicaron os seus días ao estudo dos corpos celestes, como Aglaonike, que predecía eclipses de lúa na Grecia clásica a Caroline Herschel, quen, no século XVIII, descubriu cometas e estudou as estrelas binarias. E tamén a investigadoras que na actualidade son punta de lanza na vangarda desta ciencia.