25052019Sáb
Última edición: Vie, 24 May 2019 11pm

A exposición de Julio Verne terá unha sala exclusivamente dedicada a Vigo

A mostra ‘Julio Verne. Os límites da imaxinación’, que xa pasou por Madrid e Avilés, pode visitarse no Marco ata o 16 de setembro

20 Abril 2018 por
Valora este artículo
(0 votos)
Palabras colgantes na exposición. / Foto: Fundación Telefónica Palabras colgantes na exposición. / Foto: Fundación Telefónica

A mostra ‘Julio Verne. Os límites da imaxinación’ que se vén de abrir no Museo de Arte Contemporánea de Vigo (Marco) tras o seu paso polo Espacio Fundación Telefónica de Madrid e Arxentina, e o Centro Niemeyer de Avilés, disporá dunha sala exclusivamente dedicada á relación que o escritor mantivo coa cidade olívica. A exposición contará ademais con visitas guiadas todos os días ás 18.00 horas e visitas á cartas previa cita.

Tendo en conta o singular vencellamento de Verne con Vigo -en 2018 cúmprense 150 anos da entrada do ‘Nautilus’ do capitán Nemo na ría na novela Vinte mil leguas baixo dos mares, e 140 anos da primeira visita de Verne a Vigo- a exposición incluirá contidos especialmente relacionados grazas ao asesoramento de Eduardo Rolland.

Así, a sección ‘Mobilis in mobili’ mostra, por primeira vez de xeito conxunto, pezas únicas vencelladas á figura do escritor francés cedidas por museos e coleccións particulares de Galicia, dende unha maqueta do navío ‘Saint Michel III’ ata gravados holandeses da Batalla de Rande, e pezas orixinais de traxes de mergullador do século XIX.

Durante a súa estadía en Vigo ata o 16 de setembro, a exposición estará acompañada dun conxunto de actividades paralelas -percorridos guiados, charlas e mesas redondas, e unha mostra bibliográfica na Biblioteca-Centro de documentación, entre outras- ademais dun programa para escolares de todos os ciclos educativos.

A exposición foi posible grazas á colaboración dun bo número de museos e institucións de ámbito nacional e internacional -como prestadores das obras que integran a mostra- xunto a auténticas xoias procedentes de coleccións particulares como as de Francisco Román Huerta, Diego Quevedo Carmona, ou a Colección Clark & Joan Worswick. Para a sección que ilustra a relación de Verne e Vigo, reuníronse pezas procedentes do Museo do Mar de Galicia, Quiñones de León, Museo Massó, Museo de Pontevedra, Autoridade Portuaria de Vigo e coleccións particulares.

‘Mobilis in Mobili
A paixón polo mar é un dos temas recorrentes no universo literario de Julio Verne. Se ben varias novelas xiran en torno a esta temática, como ‘Os fillos do capitán Grant’, é sen lugar a dúbidas ‘Vinte mil leguas baixo dos mares’ a súa mellor creación.

Nesta obra, o escritor idea unha máquina capaz de fascinar a quen finalmente inventou o primeiro submarino eléctrico; o mariño español Isaac Peral. Maquetas e carteis dos primeiros paquebotes comerciais do século XIX, imaxes do Great Eastern —o meirande transatlántico do momento no que Verne viaxou en 1867— ou memorabilia de Isaac Peral permítennos coñecer os transportes marítimos da época. Este capítulo complétase coas primeiras fotografías submarinas realizadas a máis de 50 metros de profundidade polo biólogo Louis Marie Auguste Boutan.

A sala titulada ‘Mobilis in mobili’ céntrase especialmente na relación do escritor francés con Vigo, a través das súas dúas visitas á cidade, da batalla de Rande e da novela Vinte mil leguas baixo dos mares.

A batalla de Rande -que se librou en outubro de 1702 entre as coalicións anglo-holandesa e hispano-francesa durante a Guerra de Sucesión Española- deu lugar á lenda dos galeóns afundidos cargados con grandes tesouros. É nesta busca do tesouro onde Verne sitúa o Capitán Nemo, protagonista de Vinte mil leguas baixo dos mares, e a entrada do ‘Nautilus’ na ría de Vigo. Nesta sección poderemos contemplar gravados holandeses da batalla de Rande, madeiras dos galeóns da prata, accións das compañías de rescate dos tesouros, e pezas singulares como unha moeda inglesa acuñada con metais preciosos do botín inglés, ou un dos famosos ‘bastóns de Rande’, comercializados no século XIX.

Tamén veremos un traxe de mergullador orixinal do século XIX, co seu fol e escafandro; un antigo temón, e maquetas de barcos mercantes de vapor como os que aparecen nas novelas de Verne ou que o autor vía recalar no porto de Nantes. Ademais, exhíbese unha primeira edición mundial da novela ‘Veinte mil leguas de viaje submarino’, que curiosamente foi editada en España antes que en Francia.

Unha maqueta do 'Saint Michel III', o luxoso iate en que Xulio Verne visitou Vigo, abre o recordo das súas visitas. Un mapa de época permitirá percorrer os escenarios das dúas estadías do escritor, en 1878 e 1884, cando participou nas festas da cidade, contemplou a procesión do Cristo da Vitoria dende os balcóns de El Casino ou asistiu a un baile na sociedade La Tertulia.

A influencia da imaxinación de Verne nos adiantos técnicos do futuro queda reflectida na ‘boia lanzatorpedos’, estreada por Antonio Sanjurjo Badía en 1898, trinta anos máis tarde da publicación de Vinte mil leguas baixo dos mares. Aínda que todo apunta a que o industrial e o escritor xamais se coñeceron, é probable que lese as súas novelas e soñase con elas para construír o seu enxeño.

Deja un comentario

Asegúrate de llenar la información requerida marcada con (*). No está permitido el código HTML. Tu dirección de correo NO será publicada.

vigo

televisión

obras

vigo en festas

  • Últimas noticias

  • Más leído

Agenda

Sin eventos