24102018Mié
Última edición: Mar, 23 Oct 2018 7pm

Chega a Vigo a exposición que pon en valor o invisibilizado saber das mulleres do mar

A mostra está composta por 28 paneis aborda en clave feminina a historia de diferentes oficios vinculados ao sector

10 Enero 2018 por
Valora este artículo
(0 votos)
A mostra, na Facultade de Ciencias do Mar. / Foto: Duvi A mostra, na Facultade de Ciencias do Mar. / Foto: Duvi

Tras o seu paso pola Facultade de Ciencias da Educación do campus de Pontevedra este mércores chegou a Vigo a exposición ‘Sustentabilidade en feminino: achegas das mulleres á sustentabilidade do mar’, unha mostra composta por 28 paneis nos que se amosa unha escolma de fotografías que, desde 1917 ata a actualidade, poñen rostro a múltiples mulleres que traballaron e traballan en diferentes sectores vinculados co mar.

O obxectivo: visibilizar o seu papel e a súa contribución á economía do mar, poñendo en valor o traballo que as mulleres desenvolveron ao longo dos séculos en relación co mundo marítimo e promovendo a igualdade e a acción positiva entre as e os futuros profesionais e científicos.

Impulsada pola Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo, o Campus do Mar e a Deputación de Pontevedra, a mostra poderá visitarse ata o vindeiro día 10 de febreiro na Facultade de Ciencias do Mar, na entrada principal do edificio de Ciencias Experimentais.

A exposición está composta por diferentes paneis nos que se van amosando imaxes de traballadoras da salga e da conserva, mariscadoras, redeiras, regateiras, traballadoras das descargas, transporte e venda... "mulleres invisibles e invisibilizadas, cuxo traballo foi e segue a ser fundamental para a sustentabilidade do mar”, tal e como explicou na inauguración da mostra o pasado mes de novembro a directora do proxecto, a profesora María Álvarez Lires.

Lires, que tamén é coordinadora do grupo de investigación da Área de Didáctica das Ciencias Experimentais da Universidade de Vigo, explicou que a mostra se completa con dous paneis dedicados ás oceanógrafas Ángeles Alvariño e Aida Fernández Ríos, quen fora directora do Instituto Español de Oceanografía.

Este traballo complétanse cunha web na que se recollen boa parte dos resultados do proxecto de investigación que deu lugar a esta exposición, unha bitácora dixital na se que aborda, entre outros aspectos, a historia destes oficios e diversos aspectos relacionados coa sustentabilidade oceánica.

Nela intégranse tamén as diferentes edicións das Xornadas sobre o Bo Uso e Mal Uso do Mar e entrevistas realizadas a traballadoras do mar como a redeira Sefa Abal ou a presidenta da agrupación de mariscadoras de Cambados, María Xosé Cacabelos; así como a investigadoras como Géraldine Fauville, da Universidade de Gotemburgo, ou a catedrática de Zooloxía da Universidade de Vigo Elsa Vázquez.

Deja un comentario

Asegúrate de llenar la información requerida marcada con (*). No está permitido el código HTML. Tu dirección de correo NO será publicada.

economía

economía

sucesos

mar

  • Últimas noticias

  • Más leído

Agenda

Sin eventos