O Concello fai coincidir esta exposición coa semana na que precisamente se celebra o Día Escolar da Paz e Non Violencia e o Día Internacional de Conmemoración en Memoria das Vítimas do Holocausto (o 27 de xaneiro). A mostra está composta por 40 fotografías e paneis nos que se narra o horror no campo de Mauthausen ao tempo que se fai un percorrido pola historia dalguns dos galegos que estiveron neste campo, onde se concentraron a maioría dos españois. Esta permanece aberta de luns a venres de 09.30 a 14.30 horas.
«Dende o goberno local temos un compromiso coa recuperación da memoria histórica en tódolos seus eidos, por iso apostamos por traer esta exposición na semana do Día da Paz e das vítimas do holocausto. Este é un dos episodios máis tristes da humanidade e é preciso que todos o coñezamos para que nunca se repita algo semellante», sinala o alcalde, Juan González.
Para realizar esta investigación da que nace a mostra, Barreira recurriu directamente aos arquivos de Mauthausen, nos que os nazis apuntaban o lugar e data de nacemento de cada recluso, e lles asignaban un número de identificación. Tamén estudou rexistros municipais e realizou entrevistas aos descendentes vivos (algúns descoñecían que os seus parentes estiveran en campos de exterminio, outros siguen vivindo en Francia).
Nos campos de concentración («stalag») houbo 8.500 españois (300 deles galegos) e o 95% deles concentrouse en Mathausen. Case todos eles se alistaron no exército francés asinando un contrato «ata que a guerra remate». En 1940, co pacto de colaboración do Mariscal Petain con Hitler e xa presidiarios, perderon a protección do estado francés e o goberno de Franco negouse a facerse cargo deles, polo que Alemaña decidiu destinados a Mathaussen tras ser declarados previamente apátridas (feito que Franco aceptou de bo grado). Case todos eles morreron no stalag antes do inverno de 1941/42.