Segundo indicou a presidenta Carmela Silva, hai festivais incluídos no circuíto que van ter case o cen por cento, “cousa que non está nada mal tendo en conta os séculos que levamos de invisibilidade”.
Silva, ademais, lembrou que “non nos conformamos con iso, xa que tamén impulsamos a garantía da igualdade salarial” en todas as categorías profesionais. Deste xeito, a institución provincial loita contra “a brecha salarial que fai que, aínda a día de hoxe, as mulleres recibamos máis dun 20 por cento menos que os homes por desenvolver exactamente as mesmas tarefas ca eles”.
A inclusión da perspectiva de xénero deberá estar presente en todas as accións e estratexias de comunicación dos Festivais Rías Baixas, que deberán empregar “linguaxe inclusiva e non sexista” e, ademais, deberán ter a igualdade presente en todos os contidos, “non soamente nos de texto, senón tamén nas imaxes ou ilustracións que os acompañen”.
A presidenta da Deputación de Pontevedra asegurou que a través destas accións “pretendemos potenciar a ruptura de estereotipos de xénero e visibilizar todo o que as mulleres aportan á industria musical”. Por último, Silva sinalou a inclusión da campaña institucional dirixida a erradicar as violencias machistas, “Lembra! Eu decido, ti respectas”.
Sustentabilidade
Mentres, no ámbito da sustentabilidade, lánzase unha campaña de recollida de residuos baixo o lema “#RíasBaixasFests + sostibles. Recolle, reutiliza, recicla”, que busca que a cidadanía adquira un compromiso co medio ambiente a través da concienciación ás persoas asistentes da correcta xestión dos residuos que se xeran neste tipo de eventos, co feito engadido de que “ademais de que acoden máis de 200.000 persoas, os Festivais Rías Baixas teñen lugar en lugares singulares, de grande beleza paisaxística e importancia patrimonial, polo que temos todas e todos que ser especialmente sensibles co respecto que merecen estas localizacións”.
Deste xeito, ademais de que todos os festivais van contar con numerosos recolectores de lixo, perfectamente identificados cada un deles e espallados por todos os recintos, haberá informadoras e informadores ambientais, unha especie de “voluntariado verde” ou “eco-patrulla” que van reforzar o compromiso por converter os certames en eventos sostibles, sustentables e respectuosos co medio ambiente. Os membros destes equipos poderán premiar a aquelas persoas cuxo comportamento na recollida de residuos sexa exemplar, entregándolles produtos de merchandising dos festivais.