Un elenco conformado por dez actores e actrices é o encargado de dar vida este texto. Iria Azevedo, César Cambeiro, Mercedes Castro, Anabell Gago, Miquel Insua, Alejandro Jato, Pablo Rivero Madriñán, María Roja, Machi Salgado e Sergio Zearreta interpretan aos máis de 30 personaxes que suman os dous esperpentos.
O primeiro deles, ‘As galas do defunto’, está ambientado na época na que discorre a historia da Daifa e Juanito Ventoleira, situada nunha cidade portuaria galega en 1898, en plena resaca da guerra de Cuba. Pola súa banda, ‘A filla do capitán’ traslada ao momento actual a trama que Valle construíu a partir de dous acontecementos reais do seu tempo: o pronunciamento de Primo de Rivera en 1923 e o crime do Capitán Sánchez, famoso na prensa sensacionalista de 1913.
A montaxe de Marta Pazos desenvolve unha posta en escena limpa e consecuente co universo creado polo autor arousán, poñendo o traballo de todo o equipo ao servizo do diálogo cunha grande icona da literatura universal.
Xunto ao persoal técnico do CDG, implicouse neste proxecto un destacado cadro artístico con profesionais que veñen desenvolvendo as súas traxectorias teatrais en compañías de toda a península.
A función comeza as 20.30 horas no Teatro García Barbón. As entradas están dispoñibles a través da web Ataquilla.com ou no teléfono 902 504 500.