A representación, na que xa participaron figuras tan coñecidas coma Carlos Blanco, Manuel Manquiña, Camila Bossa ou Cándido Pazó, entre outros, terá lugar o próximo día 15 de xaneiro, ás 21.00 h., no Teatro Afundación de Vigo (Policarpo Sanz, 13), e o sábado 16 á mesma hora, no Auditorio Sede Afundación de Pontevedra (Augusto González Besada, 2). As entradas están dispoñibles a través das canles habituais da entidade, en www.ataquilla.com ou no 902 504 500.
Considerado como o espectáculo de humor máis visto da historia do teatro galego, Noites de Retranca presenta case dúas horas de show baseado no formato de monólogo en que os actores e actrices intercambian co público as súas experiencias e as súas impresións sobre os temas que acompañan as nosas vidas cotiás. O espectáculo, que se atopa actualmente na súa sexta edición, foi representado nos principais auditorios e teatros de Galicia así coma no Teatro Liceo de Salamanca e o Teatro Casino de Xixón, entre outros, sumando máis de 40.000 espectadores nas súas cinco tempadas de cartel.