A adaptación da ópera de Vivaldi é unha iniciativa do Centro Coreográfico Galego onde as paisaxes galegas protagonizarán a escenografía a través de fotografías. O obxectivo do proxecto é achegar a danza a públicos que non acoden habitualmente a este tipo de espectáculos. As localidades poden adquirirse mediante as canles habituais de comercialización da entidade a través da web de Ataquilla.com e o teléfono 902 504 500.
A produción
«As catro estacións» de Vivaldi está considerada un dos referentes musicais máis importantes da cultura barroca. Esta adaptación, coordinada polo Centro Coreográfico Galego, busca evocar a través da xestualidade corporal e a música distintos aspectos propios de cada unha das estacións. A escenografía, dirixida polo CCG, está composta por imaxes de paisaxes de Galicia en distintas épocas do ano, tratando así de promover un maior coñecemento por parte do público da riqueza paisaxística da comunidade. O espectáculo de danza está dirixido por Mercedes Suárez.
A coreografía da primavera e o inverno corre a cargo do bailarín profesional e propietario da súa propia compañía de danza, Iker Gómez. E Kenneth Tindall, nominado a mellor coreógrafo clásico e artista emerxente nos premios da National Dance Awards Critics’ Circle, será o responsable da coreografía das estacións do verán e outono.
O elenco de bailaríns está formado por: Ailen Ramos, Inés Vieites, Elena Roses, Raquel Santa Cruz, Juan Miguel Hernández, Víctor Molina, Pastor R. Feal e Pablo Aradillas. Completan o equipo Alberto Casas como deseñador de luces e Manuel Lemos como encargado da fotografía e vídeo.