A cita será do luns 2 ao sábado 7 de abril no Teatro Municipal de Tui ás 21h, salvo o sábado cando a función comezará ás 20h. Os seis grupos de teatro estrearán as súas últimas montaxes nesta programación co gallo das festas de San Telmo. As entradas, sen numerar, poranse á venda media hora antes do comezo do espectáculo ao prezo de 1,5€.
O grupo de teatro Mesturanzas da Asociación Cultural Seixos Albos de Areas será o luns, 2 de abril, ás 21h, o encargado de abrir esta X Semana de Teatro Amador coa estrea da obra “Os pintores non teñen recordos” de Dario Fo. Baixo a dirección de Tomás Alonso Pardo un elenco de nove actores afeccionados darán vida a esta comedia na que ao dono dun hotel de mala morte lle toca a lotería, pero a súa muller fai o inimaxinable para non ter que compartilo con el.
O martes, 3 de abril, ás 21h, o grupo de teatro da Asociación Cultural Santiago de Malvas estreará “Tecendo Mentiras” baixo a dirección de Nieves Rodríguez Besada. Nove actores subirán ao escenario do teatro para interpretar esta comedia na que as verdades saen pouco a pouco á luz nunha casa de ricos chea de mentiras.
Tamén en estrea chegará o mércores, 4 de abril, ás 21h “O lío que lle lían a Pío” de José Cedena, unha comedia que presentará o grupo de teatro Aloia da Asociación Cultural Aloia de Pazos de Reis. Nove actores son dirixidos por Noelia Solla para dar vida a un restaurante cunha clientela complicada.
O xoves, 5 de abril, ás 21h, será a quenda do grupo de teatro Chirlomirlo da Asociación Cultural Xuntanza de Randufe que estreará “Aquí non se paga” de Dario Fo. Doce actores, baixo a dirección de Areta Bolado, interpretan esta comedia na que dúas mulleres inician unha revolta popular contra a suba dos prezos no supermercado.
“Descontrol hospital” de Román Sarmiento será a comedia que o venres, 6 de abril, ás 21h estreará o grupo de teatro San Fins de Rebordáns. Doce actores interpretan a traballadores e pacientes dun hospital inmerso nun total descontrol. A obra está dirixida por José Soares.
Pechará esta X Semana de Teatro Afeccionado o grupo Atalaia do Centro Sociocomuntario de Tui o sábado, 7 de abril, ás 20h coa comedia “Teño un tolo na casa” de Raimundo Francés. Miguel Ángel Pérez Blanco dirixe ao elenco formado por seis actores e actrices afeccionados que nos achegan en clave de humor as ocorrencias de Amalia, para facer fronte á crise económica que ela e o seu marido, policía xubilado, teñen que facer fronte tras o divorcio da súa filla.
X Semana de Teatro Amador. Do 2 ao 7 de abril
Luns 2 ás 21.00 h
Grupo de teatro Mesturanzas da Asociación Cultural Seixos Albos de Areas con “Os pintores non teñen recordos”. 90 minutos.
Martes 3 ás 21.00 h
Grupo de teatro da Asociación Cultural Santiago de Malvas con “Tecendo mentiras”. 73 minutos.
Mércores 4 ás 21.00 h
Grupo Aloia Teatro da Asociación Cultural Aloia de Pazos de Reis con “O lío que lle lían a Pío”. 60 minutos.
Xoves 5 ás 21.00 h
Grupo de teatro Chirlomirlo da Asociación Cultural Xuntanza de Randufe con “Aquí non se paga”. 65 minutos.
Venres 6 ás 21.00 h
Grupo de teatro da Asociación Cultural San Fins de Rebordáns con “Descontrol hospital”. 80 minutos.
Sábado 7 ás 20.00 h
Grupo de Teatro Atalaia do voluntariado do Centro Sociocomunitario de Tui con “Teño un tolo na casa”. 70 minutos.
Venda de entradas, sen numerar, ao prezo de 1,5€ dende hora e media antes do comezo da función. Unha vez iniciado o espectáculo non se poderá acceder ao teatro.