Pero se cadra o máis novidoso é que por primeira vez as bases de participación do evento incluirán unha cláusula pioneira: a organización reservarase o dereito de excluír da competición a curtametraxes cuxos responsables fosen condenados por calquera delito tipificado como violencia de xénero, ou condenados por delitos que a organización poida considerar de gravidade como para formar parte dos concursantes do certame.
Con esta cláusula inédita ata agora nas bases dos festivais de cinema, Cans quere seguir afondando na súa sensibilidade en relación á violencia de xénero e a cuestións como a igualdade. Hai case catro anos, en febreiro de 2016, o certame adoptara xa outra iniciativa ao poñer en marcha o seu decálogo pola visibilidade das mulleres no audiovisual, un mecanismo de autorregulación que aplica transversalmente en cada edición, en aspectos como directoras a competición, paridade nos xurados e nos equipos de selección de curtas, ou presenza en áreas de relevancia da organización do festival.
Cans anticipouse deste xeito en máis de dous anos á chamada Carta de Paridade que en 2018 foi asinada por moitos dos grandes festivais de cine internacionais como San Sebastián, Cannes, Locarno ou Venecia.
Máis dotación de premios
O festival tamén recibirá longametraxes e calquera tipo de obra susceptible de poder ser programada ou presentada nas seccións paralelas, dando prioridade en todas as categorías ás obras que aínda non fosen estreadas. Todas as obras poderán ser inscritas gratuitamente a través da web do festival, www.festivaldecans.gal.
Por vez primeira na súa historia, o certame rebasará a barreira dos 9.000 euros en premios, que se repartirán entre as trece categorías a concurso, ademais do característico Can de Pedra, o prezado trofeo realizado polo artesán Paco Candán, que reciben as gañadoras e ganadores de cada categoría.
En total serán 9.100 euros, cuxas cantidades máis importantes estarán destinadas ó Premio á mellor curta do xurado, con 2.000 euros, os Premios á mellor curta de animación e mellor curta do público con 1.500 euros e o premio á mellor curta de non ficción, denominada Furacáns, que aumenta a súa cantidade ata os 1.200 euros, e 500 euros para o mellor videoclip. Como na edición anterior, haberá un total de catro xurados específicos para outorgar estes galardóns.