A inscrición poderase realizar de balde a través da web do Festival de Cans, www.festivaldecans.gal e o prazo para participar estará aberto preto de dous meses, ata o domingo 3 de marzo.
Por vez primeira na súa historia, todos os premios terán dotación económica ata chegar á cifra total de 8.900 euros, o que supón un aumento de mil euros con respecto á pasada edición. A partir desta edición o premio do xurado dos veciños e veciñas terá dotación económica e, ademais, comezará a recoñecerse tamén a mellor dirección de fotografía das obras a concurso coa finalidade de estimular unha interesante xeración de profesionais que está a emerxer.
A organización considera que é un esforzo que debe asumir e ratifica así o seu compromiso co apoio e promoción de novas creadoras e creadores, aos que irá destinada esta dotación económica. Deste xeito, os distintos xurados e o público do festival outorgarán un total de trece Cans de Pedra, o singular galardón do festival, que este ano irá acompañado de premios en metálico en todas as categorías.
O máis relevante será o Premio do Xurado á Mellor curta de ficción dotado con 2.000 euros, seguido do Premio do Público á mellor curta e o Premio do Xurado á Mellor curtametraxe de animación, dotados con 1.500 euros cada un. Ademais, Cans mantén a súa aposta pola categoría de non-ficción, denominada Furacáns, que terá un premio otorgado polo xurado de 1.000 euros.
Na pasada edición, a inclusión desta categoría que premia as narrativas cinematográficas máis arriscadas, supuxo un enorme éxito e desde a organización agárdase que continúe medrando nesta edición. O Premio do Xurado ao Mellor videoclip estará dotado con 500 euros, e o Premio do Público ao mellor videoclip con 300 euros. O resto das categorías premiadas, terán todas unha dotación de 300 euros: Mellor interpretación feminina, Mellor interpretación masculina, Mellor banda sonora orixinal, Mellor realización, Mellor guión, Mellor curtametraxe (elixida polo xurado das veciñas e veciños) e Mellor dirección de fotografía, que se incorpora nesta edición.