20082019Mar
Última edición: Lun, 19 Ago 2019 7pm

Eroski Paraíso e Global Player, proxeccións estrela do segundo día de Cans

Os Zoqueiros acompañarán a procesión de chimpíns que partirá da Praza do Concello do Porriño ás 19.30 horas.

23 Mayo 2019 por
Valora este artículo
(0 votos)
Fotograma de Eroski Paraíso. Fotograma de Eroski Paraíso.

O Festival de Cans acolle este xoves como filme de apertura a pre-estrea de Eroski Paraíso e a proxección de Global Player, a película que completa a primeira retrospectiva internacional do certame dedicada ao director alemán Hannes Stöhr.

Logo da Noite dos veciños e veciñas do mércores, este ano o público terá a oportunidade de ver unha das películas máis agardadas polo público: Eroski Paraíso, dirixida por Jorge Coira e Xesús Ron a partir da adaptación da obra de teatro homónima escrita polo grupo Chévere. Unha obra moi aclamada, que xa viron no teatro máis de 32.000 persoas e que pasou por 15 das 17 comunidades autónomas de España e outras cidades europeas como Braga e París.

Miguel de Lira, Patricia de Lorenzo e Cris Iglesias protagonizan esta meta-película chea de recordos familiares na que o personaxe de Alex intenta rodar, como proxecto de fin de carreira, un documental sobre a sala de festas Paraíso onde se coñeceron seus pais, hoxe convertida nun supermercado Eroski. Os directores e o seu elenco principal presentarán a película ás 20.00 horas no Círculo Recreativo Cultural, logo de participar no desfile de chimpíns que sairá ás 19.30 horas da Praza do Concello acompañada coa música de Os Zoqueiros.

Antes, ás 17.00 horas da tarde, o Círculo acollerá a estrea en Galicia do filme Global Player de Hannes Stöhr. Esta película completa a primeira retrospectiva internacional que o Festival de Cans lle dedicou a este director de orixe alemán pero moi vinculado a Galicia. Global Player, o seu filme máis recente ata o momento, fálanos da influencia da globalización con toques de comedia, a través da situación dunha pequena empresa familiar dedicada ao téxtil no sur de Alemaña. Hannes Stöhr estará no Porriño para presentar o seu filme e para ter un encontro co público ao remate da proxección.

Noite LASAL dos videoclips
Na noite do xoves celebrase outro dos eventos máis esperados e de máis popularidade do Festival de Cans: o concurso de videoclips. Nesta sección preséntanse as propostas audiovisuais galegas máis recentes, compostas por unha gran variedade de grupos e de creadores con estilos visuais e musicais variados, que rematará co concerto de Aries, o proxecto en solitario de pop luminoso e harmónico da bilbaína Isabel Fernández Reviriego.

Antes desta gran celebración, concretamente ás 17.30 horas na Sala Ingrávida, terá lugar o encontro Dálle Caña, no que estas e estes cineastas se reunirán para compartir as súas experiencias cos asistentes. Ás 22.00 horas comezará o evento na Praza do Concello, que contará coa presenza do xurado dos clips formado por Carlos Alberto Alonso –músico e realizador-, Patricia Moon –cantante, música e compositora- e Paco Serén –músico, realizador e produtor-.

Máis alá do audiovisual
O Festival de Cans, no seu intento de abrir e explorar outras disciplinas, celebrará nesta xornada outras actividades como o concurso Pintar o cine, que substitúe ao Can Parade, que comezará na Praza do Concello ás 15.00 horas. Os soportais da Tenda Tía Tata do Porriño acollerán a nova actividade LendoCine, un espazo no que se darán a coñecer libros recentemente publicados nos que o cine é o trasfondo ou o protagonista principal. Por se fose pouco tamén haberá oco para a gastronomía no que o público poderá degustar grazas a Estrella Galicia as Tapas de cine que cociñará en directo Pablo Pizarro, do restaurante coruñés BocaNegra.

Así mesmo, pola mañá haberá espazo para a reflexión en Cans coa celebración do coloquio de Proxecta Constrúe "Achegar os festivais ao público novo: escoitar para programar", unha mesa impulsada pola Coordinadora Galega do Audiovisual ou o coloquio que xuntará ás asociacións audiovisuais na mesa "Audiovisual, unidas e unidos no que nos preocupa".

Tamén terá lugar a presentación do Proxecto Orballo (dentro dos coloquios de AISGE), un obradoiro que no que Mariana Fernández e os actores Raquel Espada e Miguel Canalejo revisarán escenas de cine e de series de televisión dende a perspectiva de xénero. Completan o programa os roteiros cinéfilo-literarios con Carlos Meixide e Xosé A. Perozo e a actividade Cans do Futuro que este ano realiza en colaboración coa Academia Galega do Audiovisual o encontro "Oficios Invisibles" que o venres  traerá a Cans á directora de fotografía Lucía C. Pan para que converse cos escolares.

Inicia sesión para enviar comentarios

sucesos

tráfico

tecnología

rutas

  • Últimas noticias

  • Más leído

Agenda

Sin eventos