18112019Lun
Última edición: Lun, 18 Nov 2019 5pm

Nove curtas compoñen FuraCans, a competición de non-ficción do Festival de Cans

A sección ‘A que andas?’ trae este ano proxectos en desenvolvemento de cineastas como Andrés Goteira, Álvaro Gago, Chelo Loureiro, Fernando Cortizo, Víctor Duplá e Diana Toucedo.

23 Abril 2019 por
Valora este artículo
(0 votos)
Fotograma de 'En la boca de la mina'. Fotograma de 'En la boca de la mina'.

O Festival de Cans acolle por segundo ano dentro da súa sección oficial o bloque de FuraCans, a competición de non-ficción que se consolida nesta 16ª edición. Neste espazo, no que se poderá ver unha panorámica xeral do que están a realizar parte das xeracións máis novas do cinema galego, atoparanse obras actuais e arriscadas que exploran diferentes variantes do documental e do cinema experimental e que van á procura dunha mirada propia e persoal.

Nas nove curtas seleccionadas, que se proxectarán o sábado 25 de maio, emerxe o traballo dunha interesantísima xeración de realizadoras e realizadores nacidos, sobre todo, na década do 90. Así, atopamos propostas documentais como ‘Hora silenciosa’ de Noelia Muíño, onde esta cineasta de O Pino que está a formarse na Universidade de Nova York nos introduce na vida das monxas de clausura do Convento de San Paio de Antealtares; ou ‘En la boca de la mina’ do monfortino Brandán Cerviño, que terá a súa estrea mundial en Cans e que está gravada na antiga cidade mineira de El Cobre en Cuba, país onde se formou e desenvolve a súa obra.

Por outra banda, atopamos curtametraxes que se constrúen desde exploracións autobiográficas e o traballo cos recordos, como o videodiario 16-11-2016 / 13-5-2017 de Marta Valverde (que xoga coa pantalla partida para despregar apuntes diversos da súa vida), ‘Devalar’ de Mar García (onde a cineasta retrata a súa aldea dende a visión da infancia), ou ‘Cando mamá pechou as caixas’ de Arancha Brandón (que trata as dificultades ás que a nai da directora se enfronta cando decide pechar o negocio familiar).

A experimentación nas formas de narrar e a súa confluencia coas Belas Artes están presentes en ‘Palmira’ de Rebeca Lar e ‘In touch with the infinite’ de Alejandra Pombo. Se na primeira nos atopamos coa reconstrución da historia dunha antepasada curandeira da realizadora, a curta de Alejandra Pombo proponnos unha viaxe performativa cara os adentros da natureza. Ambas obras, que se poderán ver por primeira vez en Cans, están marcadas pola formación artística das súas autoras, a primeira centrada na auto-ficción e a segunda na auto-representación. Completan FuraCans as dúas pezas máis experimentais no visual e no sonoro, ‘Cómo desaparecer’, do vigués afincando en Barcelona Carlos Martínez-Peñalver, e ‘Caerán lóstregos do ceo’, de Adrián Canoura, unha curta que se sitúa entre a natureza e a mística, e que vén de gañar dous premios en Filmadrid e ser escollido pola prestixiosa crítica Nicole Brenez como un dos mellores filmes do 2018.

FuraCans está chamada a converterse nunha das grandes apostas desta XVI edición do Festival, un interese que se percibiu no aumento de curtametraxes recibidas –arredor de medio centenar de obras- das que só 9 entran a competición. As entradas para FuraCans están dispoñibles dende hoxe, martes 23 de abril, na tenda.festivaldecans.com a un prezo de 6 euros. Estas entradas darán acceso as proxeccións das curtas de non-ficción, que terán lugar o sábado 25 de maio, podendo elixir entre a sesión matinal ou sesión de tarde. O aforo é reducido, poñeranse 180 entradas para o pase de mañá e 90 para o de tarde, polo que se recomenda adquirilas axiña.

Filmes dende o guión no encontro ‘A que andas?’
Un dos encontros máis agardados polo público e de máis éxito do Festival de Cans é ‘A que andas?’, onde as persoas asistentes poden coñecer por vez primeira e dende o guión os proxectos de algunhas das figuras máis destacadas do noso audiovisual. Esta actividade, que nace en colaboración coa Asociación Sindical Galega de Guionistas, terá lugar o venres 24 de maio ás 13h00 no Baixo de Moncho.

A selección de cineastas que participa en ‘A que andas?’ destaca polo seu vínculo con Cans e pola cantidade de premios que acumulan en conxunto. Por exemplo, teremos connosco ao meirense Andrés Goteira falando de ‘La pequeña desviación’, que afonda na historia dun dos personaxes de Dhogs, a súa opera prima, que coñecimos en Cans e que gañou trece Mestre Mateo. Outro dos directores galegos máis premiados é Álvaro Gago, que con ‘Matria’ foi finalista dos Goya, premiado en Sundance e bateu un récord en Cans ao levar catro premios na pasada edición. Desta volta daranos máis datos e falaranos do agardadísimo guión da súa primeira longametraxe ‘Algo parecido á felicidade’.

Tamén é un vello coñecido do festival Fernando Cortizo, que gañou o premio á Mellor Curta de Animación en 2007. Despois de gañar seis Mestre Mateo e estar nominada nos Goya ou Sitges con O apóstolo, Cortizo acode a este encontro para falarnos de ‘Shkid’, unha longametraxe na que mesturará a ficción coa animación. Tamén estará connosco outra das referencias da animación galega: Chelo Loureiro, homenaxeada co noso Premio Pedigree pola súa labor producindo a cineastas como Alberto Vázquez ('Psiconautas'), dará conta do seu salto á dirección e explicaranos máis da historia que hai detrás de ‘Valentina’. Por último, o tándem formado polo actor Víctor Duplá e Diana Toucedo, directora de Trinta Lumes, tratará o proceso de adaptación á gran pantalla da obra teatral ‘A leituga’, un filme que estará producido por Frida Films.

Inicia sesión para enviar comentarios

navidad

vigo

mar

  • Últimas noticias

  • Más leído

Agenda

Sin eventos