21082018Mar
Última edición: Mar, 21 Ago 2018 7pm

O Festival de Cans abre poñendo o foco na literatura e a veciñanza

A xente será protagonista na ‘Noite dos veciños e veciñas’, onde se estreará o documental 'Dona Sara: a mestra rebelde', realizado por persoas da parroquia

22 Mayo 2018 por
Valora este artículo
(0 votos)
O certame acollerá a ‘Noite dos veciños e veciñas’. / Foto: Festival de Cans O certame acollerá a ‘Noite dos veciños e veciñas’. / Foto: Festival de Cans

A XV edición do Festival de Cans comeza este mércores mantendo o seu espírito de sempre, ese ‘agroglamour’ que xunta o achegamento ás últimas novidades culturais e cinematográficas e a celebración da identidade da aldea. Así, no seu primeiro día o certame acollerá a proxección de ‘Versogramas’, un documental sobre o fenómeno da videopoesía dirixido por Belén Montero e Juan Lesta, que presentarán o filme xunto con Antón Reixa e a poeta e produtora Celia Parra.

Pero ao tempo que se presta atención a esa nova tendencia, o mércores segue a ter lugar en Cans a ‘Noite dos veciños e veciñas’: a partir das 22:00 horas, logo da homenaxe do festival aos veciños Chelo Casalmorto e Constante Romero, o Torreiro acollerá a actuación das Pandereiteiras de Cans e os acordeonistas Acordecans ou a presentación do xurado dos veciños e dos guías dos camiños, ademais da estrea de ‘Dona Sara: a mestra rebelde.’

Este documental, realizado por persoas da aldea no marco do proxecto Cans303, céntrase na figura de Sara Quinteiro, que foi mestra en Cans durante varias décadas. Co gallo da estrea espérase reunir alí a moitas das súas antigas alumnas para completar a recuperación desa memoria local, un dos obxectivos primordiais deste proxecto que dota aos habitantes de Cans das ferramentas e coñecementos necesarios para crear pezas audiovisuais.

En paralelo a ese protagonismo da veciñanza, a programación do día inaugural do Festival de Cans destaca pola atención prestada á literatura. Ademais da proxección de Versogramas ás 17:00 no Baixo de Bugarín, ás 19:00 terá lugar no mesmo espazo a Final de 'Ollo de Vidro', o concurso de booktrailers que o festival impulsou este ano partindo da iniciativa da canle de YouTube 'Recoméndoche un libro'.

Os creadores destas pezas audiovisuais resumen en poucos minutos o contido dun libro utilizando todo tipo de recursos imaxinativos para poñer imaxes ás palabras, e optarán a diversos premios outorgados por un xurado. Completa o programa literario o roteiro cinéfilo-literario que conducirá o escritor Carlos Meixide, autor da novela xuvenil Cans, ambientada na aldea.

Meixide partirá ás 11:00 horas dende a Rotonda do Can para realizar estes paseos o mércores, xoves e venres, levando ás persoas asistentes polos enclaves que aparecen no seu libro e inundándoo de interesantes anécdotas e referencias cinematográficas.

Pioneiros
Tamén ocuparán o mércores, xoves e venres os Coloquios AISGE, promovidos pola entidade de xestión de dereitos dos intérpretes. O encontro inicial leva o título de Pioneiros no oficio de interpretar e protagonizarano dous nomes fundamentais no teatro e o audiovisual galego: Manuel Lourenzo (de actualidade polo seu papel de Terito en ‘Fariña’) e Pilar Pereira repasarán os diferentes retos afrontados pola profesión ao longo da súa dilatada carreira.

Completa a programación do mércores a realización en directo do programa de Radio 3 ‘El sétimo vicio’, onde a xente de Cans volverá ser protagonista, e a apertura no Centro de día de Torneiros da exposición Cans Sénior, na que maiores de máis de 25 centros de día de toda Galicia reinterpretaron a icona do festival: a silueta do can de Cans.

Deja un comentario

Asegúrate de llenar la información requerida marcada con (*). No está permitido el código HTML. Tu dirección de correo NO será publicada.

camino de Santiago

sucesos

deportes

  • Últimas noticias

  • Más leído

Agenda

Sin eventos