18092019Mié
Última edición: Mié, 18 Sep 2019 2pm

Fernando Trueba, Gracia Querejeta e Triángulo de Amor Bizarro tamén estarán en Cans

As seccións 'A que andas?' e 'Fillas e fillos de Cans' permitirán botar unha ollada aos proxectos en proceso de Dani de la Torre, Jaione Camborda, Ángeles Huerta, Ignacio Vilar ou Javi Camino, entre outros.

09 Mayo 2018 por
Valora este artículo
(0 votos)
Presentación do evento, este mércores. / Foto: Festival de Cans Presentación do evento, este mércores. / Foto: Festival de Cans

A Casa do Cid, espazo emblemático do Festival de Cans, acolleu este mércores a presentación do 15º Festival de Cans, na que se desvelou o programa ao completo, coas destacadas incorporacións dos cineastas Fernando Trueba e Gracia Querejeta, que participarán dos Coloquios no Espazo Mahou da Leira de Alicia, e de Triángulo de Amor Bizarro na parte musical, entre moitos outros nomes e actividades que se suman ás xa anunciadas para esta edición.

O éxito dos encontros con directores en edicións anteriores motivou que este ano se conte por primeira vez con dous coloquios en lugar de un e que estean protagonizados por dúas persoas da talla de Trueba e Querejeta, historia viva do cinema español. Pola súa banda, Triángulo de Amor Bizarro únense ao completo e variado cartel musical de Cans coa súa actuación no Torreiro, na que presentarán o seu EP ‘El Gatopardo’, recentemente editado.

O director do Festival, Alfonso Pato, destacou tamén que o foco fundamental do festival está, coma sempre, nas curtametraxes. "En catro días pasarán polo festival case cen realizadores e realizadoras, convertendo Cans nun escaparate da creación audiovisual galega, a que se produce aquí e a que está espallada polo mundo". Así mesmo, subliñou o equilibrio presente, na sección oficial e na programación paralela, entre cineastas debutantes e persoas que chegan a Cans avaladas polos seus éxitos noutros festivais.

Jacobo Sutil, director da Agadic, explicou que ademais deste apoio do Festival ao audiovisual galego, "o aspecto lúdico e o apoio da parroquia son marcas distintivas de Cans que motivan o apoio da Xunta de Galicia". Pola súa banda, o Deputado de Cultura e Lingua da Deputación de Pontevedra Xosé Leal interveu tamén celebrando "a filosofía de Cans" e a súa aposta pola lingua galega e por visibilizar todos os sectores do audiovisual.

Entre as novidades do programa, Pato fixo fincapé nas seccións ‘A que andas?’, na que se descubrirán os guións en proceso de Borja Cobeaga, Ángeles Huerta ou Ignacio Vilar entre outros e outras cineastas, e o habitual seguimento dos ‘Fillos e fillas’ de Cans, nos que o público do festival poderá ver imaxes inéditas de filmes tan esperados como ‘La sombra de la ley’, de Dani de la Torre; ‘Arima’, de Jaione Camborda, ou ‘Nación de muchachos’, de Javi Camino.

Tamén destacou a atención ás conexións literarias do cinema, coa primeira proxección nun festival galego de ‘Versogramas’, documental de Belén Montero e Juan Lesta sobre o fenómeno das videopoesías; e o concurso de booktrailers 'Ollo de vidro'. Tamén estivo presente na presentación a actriz Isabel Naveira, que declarou estar "moi ilusionada" por recibir a chamada do Festival para formar parte do Xurado de Ficción e Animación, que compartirá con Anxos Fazáns, Felipe Lage, Nieve de Medina e Borja Cobeaga. O Xurado de Non ficción estará integrado por Ángeles Huerta, Luis Avilés e Isabelle Le Gonidec, e Paloma Zapata, Fernando F. Rego e Eduardo Herrero integrarán o de Videoclips. Haberá tamén, como é tradición, un Xurado dos Veciños e Veciñas integrado por cinco habitantes de Cans.

Diversidade
A presidenta da Asociación Arela, Keka Losada, debullou a parte máis comunitaria da programación deste 15º Festival de Cans "que vai de cero a cen", atendendo a públicos de todas as idades e fomentando a súa implicación e creatividade, xa que a actividade Cans do Futuro traerá cada día a 200 escolares ao Festival, e tanto a rapazada como a xente maior participarán cos seus deseños en Debuxa Cans e Cans Senior.

A alcaldesa de O Porriño, Eva García de la Torre, subliñou precisamente o carácter diverso dunha programación na que "hai para todos os gustos e para todos os intereses" e que o Concello está encantado de apoiar "por facer máis grande se cabe ao filme e aínda máis universal ao Porriño". Dentro desa diversidade, o público infantil poderá desfrutar dunha programación para nenas e nenos máis ampla que nunca: MiniCans incluirá música, proxeccións, maxia e toda unha serie de obradoiros no entorno do Parque do Río. A Noite dos Veciños do mércores tamén se amplía e pasa a celebrarse no Torreiro de Cans, onde se acollerá a proxección do documental sobre a mestra "Dona Sara" realizado no proxecto Cans303.

Tamén interviron na presentación os responsables de varios dos patrocinadores privados do Festival. Hugo Pérez, de Mahou, expresou a súa satisfacción por ser por cuarto ano consecutivo o patrocinador principal e por poder compartir a "aposta polo ocio e a cultura innovadora en Galicia". Ademais do xa anunciado Concerto Mahou Cinco Estrellas de Depedro e o showcooking de Lucía Freitas e Beni Couso, Mahou acollerá no seu Espazo na Leira de Alicia os coloquios de Fernando Trueba e Gracia Querejeta, os encontros Dálle caña cos realizadores e realizadoras das diferentes categorías e a Sesión Discochimpín de Edu Romero Dj.

Pablo Louro, delegado en Vigo de Gadisa, expresou o seu orgullo por levar anos apoiando Cans, "un evento que redunda positivamente na comunidade", e poder colaborar na programación coa Caixiña dos Mistos, a caravana de proxeccións que estará en MiniCans. A programación do Festival complétana unha mostra das viñetas de "O Bichero" de Luis Davila, a sección especial Contra o lume, con pezas que convidan á reflexión crítica sobre os incendios e o territorio, ou os roteiros conducidos por Xurxo Souto e Carlos Meixide, o primeiro centrado na música e o segundo de carácter cinéfilo-literario.

Inicia sesión para enviar comentarios

movilidad

marítima

semana europea de la movilidad

  • Últimas noticias

  • Más leído

Agenda

Sin eventos