13112019Mié
Última edición: Mar, 12 Nov 2019 9pm

cine

O Festival de Cans bate de novo o seu récord de curtas inscritas

As pezas recibidas proceden de directores e directoras galegos que traballan en países tan diversos como Inglaterra, Estados Unidos, Portugal, Italia, Francia, Bélxica, Finlandia, Brasil ou Arxentina

07 Marzo 2017 por
Valora este artículo
(1 Voto)
Foto de grupo dos gañadores e gañadoras na edición do 2016. / Foto: Festival de Cans Foto de grupo dos gañadores e gañadoras na edición do 2016. / Foto: Festival de Cans

O Festival de Cans bate un ano máis o seu récord de curtas inscritas, pois recibiu na súa convocatoria para as seccións oficiais a concurso un total de 235 producións galegas, o que supón case un 10% de incremento con respecto á edición anterior, na que chegaran 215 traballos. Divididas por categorías recibíronse un total de 147 curtametraxes de ficción e non ficción, 15 de animación e 75 videoclips.

Estes datos convidan ao optimismo sobre o ritmo de produción das creadoras e creadores galegos, acadando un paso adiante cuantitativo e tamén cualitativo nas pezas recibidas edición tras edición. A organización móstrase sorprendida de que un ano máis, a pesar de ser un certame onde só se admiten curtametraxes de directoras e directores galegos, continúen subindo as cifras de obras presentadas.

Con respecto ao apartado de curtametraxes de ficción, segue rexistrándose un gran volume de traballos de creadores e creadoras galegos que viven e desenvolven a súa actividade profesional fóra de Galicia. Así o constatan as produción recibidas dende lugares como Madrid, Barcelona, Sevilla ou Valencia e tamén desde diversos países do mundo entre os que se atopan Inglaterra, Estados Unidos, Portugal, Italia, Francia, Bélxica, Finlandia, Brasil ou Arxentina. O tipo de xéneros ao que pertencen as curtametraxes inscritas nunca foi tan variado: abrangue dende a comedia ata o drama, pasando polo biopic histórico, o thriller ou o musical.

Obsérvase tamén como dato moi positivo o a recepción dun número considerable de curtametraxes de animación que garante a constitución desta categoría nesta edición do festival, e que estará caracterizada por unha calidade excepcional.

No tocante aos videoclips, foron 73 as pezas recibidas ubicadas nun amplo abano de estilos musicais entre os que se atopan o pop, o rock, o folk, o hip-hop, a electrónica, o ska ou incluso o metal, símbolo da boa saúde e variedade de bandas e estilos musicais que existen en Galicia.

Dá comezo agora para a organización un exhaustivo e laborioso proceso de visionado e selección, que se prolongará durante varias semanas e a través do cal se elixirán as obras finalistas en cada categoría.

Inicia sesión para enviar comentarios

mar

navidad

  • Últimas noticias

  • Más leído

Agenda

Sin eventos