18092019Mié
Última edición: Mié, 18 Sep 2019 9pm

entrevista

"Cans medrou moi rápido e foi como un cabalo que tivemos que frear en moitas ocasións"

Alfonso Pato, director do festival de Cans, que este ano celebra a súa decimoterceira edición, analiza con Vigoé a espectacular progresión dun evento que naceu como "broma" aproveitando a similitude do nome da parroquia porriñesa co festival de Cannes

19 Mayo 2016 por
Valora este artículo
(1 Voto)
Alfonso Pato, director do Festival de Cans, que este ano cumple 13 anos. / Fotos: Jorge Castro Alfonso Pato, director do Festival de Cans, que este ano cumple 13 anos. / Fotos: Jorge Castro

Alfonso Pato (Cans, 1969) é o director da tolemia colectiva que é o festival de Cans. Un concepto que pasou de festival de curtas a ser multidisciplinar pero que conserva a súa esencia. Audiovisual galego no rural de O Porriño.

Baixa un extraterrestre a terra e, como se pode explicar o que é Cans?

Algunha vez formulei a pregunta a min mesmo. É unha mistura de moitas cousas. E algo así como o Festival de Benicasim, misturado co de Ortigueira e algo do de Sundance. Todo isto posto nunha trituradora e elevado ó rural galego e coa participación dos veciños. Hai unha cousa que pode explicar Cans mil veces, pero se non vas non o podes saber.

O que si é claro é que é algo único
Nós sempre dicimos que non sabemos se será o mellor festival do mundo, pero é o máis diferente do mundo. A pesar de medrar cada ano, somos capaces de manter a esencia do festival co certame de curtas de Galicia, as proxeccións nos galpóns e os chimpíns como transporte. Non se rachou e creo que son os mellores logros.

Por onde comeza a explicar o que é Cans a unha persoa de fóra?
Dígolle que é un festival de cine, de curtas. No que a música ten un interese especial e no que, por enriba de todo hai un sentimento. É ese vello sentimento de Galicia que é o man común. É un festival mancomunado no que empurran todos os veciños. Un albanel axuda no torreiro das estrelas, un carpinteiro coas pantallas... Este sentimento de ben común é o que rixe o festival. Un 90% faise en propiedades privadas o que é moi elevado para as miles de persoas que recibe.

Se mira a cantidade de actividades que ten o programa do festival, que pensa?
O primeiro que vexo no programa impreso é que cada ano o teño que estudar. Estaba facendo un cálculo e pasan por aquí 160 músicos e 100 realizadores. Calculamos que nos catro días de festival, servimos 1.045 comidas de organización e invitados. É unha pequena cidade flotante. O festival medrou moi rápido e foi como un cabalo que tivemos que frealo en moitas ocasións. Hai que dar uns servizos a xente, un transporte, un equipo médico.

Como se pode xestionar un crecemento tan rápido en tan pouco tempo?
Nós non tiñamos ningún modelo que copiar. Non había nada semellante. Había moitos foros de xestión cultural e cousas, pero había pouca práctica e menos como o de Cans. Soamente o sábado traballan 200 persoas. Temos xuntanzas de xefes de equipo de 50 persoas. A nosa intención é crear unha estrutura sólida que nos supere os que estamos aquí e, deste xeito, calquera que poida pillar isto teña unha estrutura coa que traballar.

Saen as contas no festival de Cans?
Saen mirando ó ceo porque é un evento nunha aldea e ó aire libre. Se chove, faise igual. Pero os números cadran cando hai moita xente, as barras funcionan e tamén o merchandising. É un festival que funciona na maioría con recursos propios do festival. Hai axuda pública, que é importante, pero mantén o peso principal o diñeiro xerado no propio evento.

Hoxe en día Cans é un festival multidisciplinar
Nós nunca renunciamos as curtas e o descubrimento de novos creadores galegos. Este ano introducimos a cociña, a literatura, ás artes plásticas, o humor gráfico. Todo parte de proxeccións que é a esencia do que somos e polo que nacemos.

Que son os roteiros?
Empezou como unha cousa para facer porque había afeccionados a camiñar. Fixemos polos ríos e o monte e hai dous ou tres anos demos cunha clave máxima que son os roteiros sonoros con Xurxo Souto. Moita xente nova que se deita as cinco da mañá está as nove en pé para facelo. Xurxo guíanos por Cans e na casa hai músicos, sobre todo acordeonistas de Cans. Canta, contan historias e bailas e a ruta remata cunha gran actuación. É un canto a tradición e a memoria da aldea aínda que moitos o fagan coa resaca ás costas. Eu mesmo déitome moi tarde e estás alí porque é digno de ver.

Chega a casa dun veciño que leva colaborando dende o primeiro ano e supoño que iso é o que dá forza para colaborar
A min pasáronme cousas moi bonitas con veciños. Unha veciña que díxome ó rematar o festival que, na súa entrada tiñas unhas rosas e por alí pasaron centos de persoas. Pois non faltou nin a primeira. Un veciño dixo na tele e dixo que “xa non é o mesmo ca antes, pronunciase doutro xeito”. Como dicía un amigo meu “os de Cans cando iades a escola eran uns pouco os máis parvos de todos e agora temos que ir todos a remolque vosa”.

Por que moita xente descubriu que Cans era o nome da aldea?
É curioso, si. Tamén temos un circuíto para que a xente poida vir todo o ano. Está o torreiro das estrelas, o can de pedra, o muro dos chimpíns... Temos que crear un roteiro para que a xente poida ver a estrela de Tosar, de Isabel Coixet ou Fernando León. Hai cousas que ver e visitar e así tamén pode ser un referente todo o ano e non soamente no festival.

Cantas anécdotas ten co festival de cine Cannes, o de Francia?
Teño moitas. Foi algo que comezou de broma e agora xa é un problema. Este ano o festival que abre o programa, "Psiconautas" é de Alberto Vázquez. É un rapaz que gañou dúas veces, que tivo un Goya. Tiña a intención de vir a presentar a peza e chamou porque a súa última curta foi seleccionada no outro, en Cannes. Fastidia, pero sénteste orgulloso de que unha persoa que comezou aquí poida chegar tan lonxe.

Inicia sesión para enviar comentarios

movilidad

música

espectáculos

  • Últimas noticias

  • Más leído

Agenda

Sin eventos