27052019Lun
Última edición: Lun, 27 May 2019 12pm

DKV/MARCO 2015

Patricia Dauder e Misha Bies Golas, gañadores das bolsas de produción do MARCO

O xurado tomou a súa decisión tras examinar e valorar en detalle un total de 142 proxectos presentados, 30 deles procedentes de Galicia

28 Abril 2015 por
Valora este artículo
(0 votos)
"Cousas que non serven para que" de Misha Bies Golas en Adhoc. "Cousas que non serven para que" de Misha Bies Golas en Adhoc.

As dúas propostas gañadoras das Bolsas de produción DKV/MARCO 2015 corresponden a Patricia Dauder (Barcelona, 1973) e Misha Bies Golas (Lalín, Pontevedra, 1977).

O xurado tomou a súa decisión tras examinar e valorar en detalle un total de 142 proxectos presentados, 30 deles procedentes de Galicia. Na decisión tívose en conta a calidade das propostas e a súa viabilidade técnica e de realización en función dos prazos e o orzamento. As dúas obras seleccionadas formarán parte da exposición que terá lugar nas salas da planta baixa do MARCO a partir do 16 de outubro de 2015, xunto a outras obras producidas por DKV e pertencentes á súa colección.

A selección dos proxectos estivo a cargo dun xurado composto por Alicia Ventura como membro designado por DKV Seguros; Iñaki Martínez Antelo e Agar Ledo Arias por parte do MARCO; David Barro (director Fundación Luis Seoane) e Carlos Rosón (director Fundación RAC) como membros externos.

Na conferencia de prensa na que se deu a coñecer o resultado participaron Alicia Ventura (responsable da Colección DKV Seguros Médicos), Carlos López Font (2º tenente de alcalde como representante da Fundación MARCO), e Iñaki Martínez Antelo, director do MARCO. Durante a reunión, os membros do xurado salientaron a gran calidade das propostas recibidas, e o éxito da convocatoria.

Patricia Dauder (Barcelona, 1973)
"Recinto"
Na obra de Patricia Dauder, materia e estrutura constitúen os medios a través dos cales proxecta ideas e sensacións sobre o paso do tempo e a idea de espazo, sendo a observación do mundo natural unha práctica constante. As imaxes e obxectos son resultado de longos procesos de traballo nos que se establece un diálogo entre o comportamento azaroso dos materiais e sensacións, proxeccións mentais que se nutren de referencias múltiples –literarias, visuais, históricas ou autobiográficas– e ideas como a relación entre positivo e negativo, masa e baleiro, construción e destrución, ou sistemas de representación gráfica como mapas e cosmoloxías.
No último ano xurdiu no seu traballo un interese por transferir algúns procesos executados no estudio cara a territorios semi-urbanos. Esta crecente necesidade de romper coa introspección habitual do estudio e expandir a súa práctica cara a unha esfera máis real desembocou nun proxecto chamado Traballos Subterráneos, que nos vindeiros meses levará a cabo nun solar abandonado en El Prat de Llobregat (Barcelona), onde realizará unha serie de excavacións subterráneas co obxectivo de experimentar con procesos de transformación e erosión que afectan á materia cando xace soterrada por un período de tempo, co obxectivo de abordar diferentes tipoloxías de recintos subterráneos. Os resultados deste traballo de campo plasmaranse á súa vez a través dunha serie de debuxos, esculturas e fotografías.
A proposta Recinto, presentada á convocatoria das Bolsas de produción DKV/MARCO 2015, pretende recoller parte destes resultados e mostralos en forma de instalación. Alén do carácter experimental do traballo de campo no solar, o proxecto permítelle xerar un conxunto de debuxos, fotografías, e obxectos recuperados, que ocuparán os muros e o chan da sala, abordando así a idea do rastro, do desgaste e do fragmento; e como xerar novas composicións e significados a partir dun certo simbolismo.

Misha Bies Golas (Lalín, Pontevedra, 1977)
"O ceo non é humano"
A proposta de Misha Bies Golas toma como punto de partida unha narración de Hanta, protagonista do libro Unha soidade demasiado ruidosa, do escritor checo Bohumil Hrabal. Hanta é un obreiro que traballa cunha máquina embaladora para prensar papel nun vello taller subterráneo, e ao longo de trinta e cinco anos foi facendo balas de papel, como esculturas, compostas por libros e láminas con reproducións de obras de grandes autores. O seu proxecto de utilizar a máquina para realizar a obra da súa vida, unha serie de esculturas que conteña todos os volumes da súa colección, verase frustrado pola introdución de novos métodos de produción, inhumanos e impersonais.
O ceo non é humano consiste en instalar unha prensa de papel no sótano do museo, e a partir de aquí realizar de xeito case artesanal e a modo de recreación documental, unha serie de balas de papel prensado, emulando as que Hanta describe no seu relato. “O ceo non é humano e o home que pensa tampouco o é, non pode selo de ningunha maneira, e eu prenso un paquete tras outro, no corazón de cada un poño un libro aberto pola páxina onde o texto é máis fermoso…”
Misha Bies Golas entende este proxecto como unha continuación dos seus últimos traballos en torno aos libros, a literatura, as apropiacións, e a obra de diferentes artistas como Alberto Sánchez, Seoane, ou o Jusep Torres Campaláns de Max Aub.

Deja un comentario

Asegúrate de llenar la información requerida marcada con (*). No está permitido el código HTML. Tu dirección de correo NO será publicada.

elecciones municipales

pp

PSOE

  • Últimas noticias

  • Más leído

Agenda

Sin eventos