19092019Jue
Última edición: Mié, 18 Sep 2019 9pm

Vigo organiza visitas guiadas, exposicións e concertos na Noite Branca do 9 de agosto

Os museos da cidade prolongarán a súa apertura o vindeiro venres ata as dúas da mañá e énchense dunha morea de actividades de balde

02 Agosto 2019 por
Valora este artículo
(1 Voto)
O MARCO será un dos centros que participen na Noite Branca. / Foto: Julio Alonso O MARCO será un dos centros que participen na Noite Branca. / Foto: Julio Alonso

O Concello de Vigo detallou este venres o programa do próximo 9 de agosto, data na que a cidade celebrará a Noite Branca, prolongando o horario de apertura dos museos da cidade ata as dúas da mañá e organizando actividades específicas ao efecto.

A iniciativa quere poñer en valor o patrimonio da cidade á vez que desenvolve unha morea de actividades nos centros que forman parte da Rede Museística e Expositiva do Concello de Vigo: o Museo Quiñones de León de Castrelos, o Verbum-Casa das Palabras, a Pinacoteca Francisco Fernández del Riego, a Casa Galega da Cultura, a Casa das Artes e o MARCO.

Ao igual que no ano anterior, participan tamén na Noite Branca os xacementos arqueolóxicos do Castro e o Centro de Interpretación do Mundo Romano de Toralla, e se suman Naturnova, o Museo do Mar e Salinae.

Nesta sétima edición, o público asistente poderá gozar de concertos en espazos como a Casa das Artes, o Xacemento Arqueolóxico do Castro, o Quiñones de León, os xardíns históricos de Castrelos ou o Verbum; ademais, haberá propostas musicais ao aire libre na rúa do Príncipe, arredor do Marco, e na praza da Princesa. Visitas guiadas, obradoiros participativos, interactividade, concertos, exposicións e a ampliación do horario co fin de potenciar o desenvolvemento de actividades para todo tipo de público relacionadas coas coleccións e as exposicións.

En total serán máis de 40 visitas guiadas convencionais, lúdicas, con representacións, obradoiros; unha ducia de concertos musicais; doce puntos de actividade, con ampliación de aperturas, exposicións permanentes e exposicións temporais.

Ademais, na planta baixa do Verbum terá lugar o programa ‘Verbum creativo. Laboratorio artístico’, concibido como un espazo de sensibilización, experimentación e creación a partir das capacidades de artistas de distintas disciplinas, facendo tamén partícipes aos asistentes nas distintas fases creativas das súas obras. Pensado para toda a familia, contará coa artista Iria Vázquez, que animará ao público a crear un mural pictórico co mar como protagonista; Sabela Cereijo, unha oportunidade para ser parte dunha formación 'a capella'; os músicos do colectivo Sulxeitos, que converterán aos asistentes en compositores musicais nunha instalación sonora; e Nuria Carballido, coreógrafa que nos invita a ser parte dunha peza coreográfica sinxela e divertida para todas as idades. Todo entre as 20:00 e ás 22:30 horas.

Inicia sesión para enviar comentarios

movilidad

música

espectáculos

  • Últimas noticias

  • Más leído

Agenda

Sin eventos