19022018Lun
Última edición: Lun, 19 Feb 2018 11am

 

“Non, señor alcalde. Así, non”

Quince artistas declinan participar na exposición ‘Metrópole’ programada polo MARCO e escriben unha carta de protesta a Abel Caballero

13 Febrero 2018 por
Valora este artículo
(0 votos)
O museo vigués. O museo vigués.

Un total de 15 artistas fixeron pública este martes a súa negativa a participar nunha exposición programada polo Museo de Arte Contemporánea de Vigo (MARCO) - chamada ‘Metrópole, perspectiva urbana da arte galega’- debido ao seu malestar polo rumbo que está a tomar o centro artístico olívico.

Os artistas asinaron de xeito conxunto unha carta na que expresan a súa oposición ao novo modelo instaurado e aos últimos acontecementos que tiveron lugar no museo vigués, que derivaron na marcha do seu director e da súa responsable de exposicións.

No escrito, que se reproduce de xeito literal a continuación, sinalan directamente ao alcalde, Abel Caballero, como responsable desta situación. A el dirixen o manifesto, que leva por título “Non, señor alcalde. Así, non”.

A carta está asinada por Mónica Alonso, Xoan Anleo, Bosco Caride, Berta Cáccamo, Vari Caramés, Tono Carbajo, Victoria Diehl, Almudena Fernández Fariña, Din Matamoro, Chelo Matesanz, Antón Patiño, Manolo Paz, Isaac Pérez Vicente, Manuel Sendón y Rosa Úbeda.

“A nosa negativa ao ofrecemento do comisario da exposición ‘Metrópole, perspectiva urbana da arte galega’ responde, como xa temos manifestado en ocasións, como tamén persoas do mundo da Agrupación de Amigos do Marco e como A Colectiva (Asociación de artistas de Galicia), á decisión do alcalde de finiquitar o modelo museográfico desenvolvido pola dirección e equipo profesional do MARCO, suspendendo así a autonomía de xestión que lle correspondía como Fundación de Interese Galego.

Esta decisión e a súa consumación co golpe de man no seo do Padroado para facerse coa súa maioría (interposta pola Consellería de Cultura da Xunta de Galicia) supuxo a paralización do museo, paso necesario para un cambio de modelo do gusto e dos intereses do alcalde. Así o entendemos nós e con toda seguridade non somos os únicos.

O argumento para tal decisión foi a falla de “rendibilidade social” do modelo. Se por ese concepto, tan económico por outra parte, entendemos que se alude a unha escasa afluencia de público, as cifras demostran que non é certo. Coa mesma argumentación e maior rapidez, o alcalde tería que ir pensando na clausura ou modificación programática dos outros espazos municipais para a cultura.

É inevitable ver nesta exposición colectiva o seu desenvolvemento posterior, ofrecendo a cada un dos artistas participantes unha mostra individual, unha manobra para contentar e así acalar as moitas voces discrepantes e, de paso, disimular o erro da decisión, vendendo o fume dun proxecto inexistente, comunicado dun xeito arrogante, ausente de reflexión, carente de diálogo e, por tanto, sen vontade de consenso.

Cremos imprescindible pola súa pertinencia actual recuperar para a cidadanía e o público interesado, as dúas conclusións finais das xornadas ‘Vigo, un espazo para a arte e a cultura contemporánea’, celebradas en decembro de 2001 e que subscritas polos poñentes participantes, xestores culturais, representantes institucionais e artistas, deron lugar á andaina do MARCO en 2002:

1.- Autonomía de xestión. Considérase imprescindible para a eficacia e o bo funcionamento a independencia administrativa, e proponse que a configuración xurídica (convenientemente unha fundación pública) conte cos mecanismos necesarios para garantir tal autonomía.

2.- Convocatoria da praza de dirección por concurso público. Convocatoria que, ademais de méritos académicos e experiencia profesional, inclúa entre os requisitos para presentarse un proxecto de actuación que tome como referencia o modelo brevemente descrito nestas conclusións (un espazo de dinamización, produción, exhibición e difusión da arte e da cultura contemporáneas, dando cabida ás diversas disciplinas artísticas e favorecendo a integración coas outras manifestacións culturais como filosofía, literatura, ciencia, arquitectura e urbanismo, etc.).

Que os responsables públicos entendan, asuman e se comprometan no desenvolver dun código de boas prácticas para a xestión cultural é condición indispensable para a súa credibilidade. Comecen pois prescindindo de intereses persoais e de partido”.

Deja un comentario

Asegúrate de llenar la información requerida marcada con (*). No está permitido el código HTML. Tu dirección de correo NO será publicada.

verne en vigo

Diversión

celta

  • Últimas noticias

  • Más leído

Agenda

Sin eventos