Imprimir esta página

O cuarto programa de arte urbana de Vigo chegará a quince novos espazos da cidade

O Concello anuncia un “programa de acción cultural” para achegar aos vigueses os traballos desenvolvidos nos murais e medianeiras da cidade

08 Febrero 2018 por
Valora este artículo
(0 votos)
Mural próximo á Praza de España. / Foto: Julio Alonso Mural próximo á Praza de España. / Foto: Julio Alonso

O cuarto plan de arte urbana, que incide na decoración de murais, medianeiras e outros elementos verticais da vía pública, actuará durante este ano 2018 sobre quince lugares da cidade. Así o aprobou este xoves o Concello de Vigo, que outorgou a este programa un orzamento de 480.000 euros.

A iniciativa inclúe ademais un “programa de acción cultural” e unha “grande mobilización cidadá” para que os vigueses coñezan de primeira man as creacións que van enchendo de cor a paisaxe da urbe. Este apartado contará cunha dotación extra de 100.000 euros.

“Imos facer unha grande mobilización arredor das medianeiras, non temos límite orzamentario, estamos cerca dos cen murais", apuntou o alcalde, Abel Caballero.

O rexedor tamén anunciou que hai dez colexios que solicitaron participar no programa, para decorar o seu centro ao abeiro deste proxecto. A previsión é ampliar o plan en setembro para poder incluílos.

A finalidade do programa é contribuír á recuperación e revitalización da contorna urbana e comercial, por en valor o patrimonio da cidade e mellorar a calidade de vida da cidadanía, ademais de dar a coñecer a obra de artistas urbanos.

Rede de Mulleres e Aspanaex
Ademais, a Xunta de Goberno tamén aprobou o proxecto de convenio coa Asociación Rede de Mulleres Veciñais contra os Malos Tratos. Cun orzamento de 46.128 euros, está destinado a contratar a dúas traballadoras sociais, unha administrativa e unha psicóloga para formación e dinamización de vítimas de violencia de xénero e a súa reincorporación laboral.

Por último, na mesma sesión da Xunta Local aprobouse a promoción do Proxecto Residencia Aspanaex para a súa cualificación como Proxecto Empresarial de Interese Municipal (PEIM) para que teña bonificacións fiscais de entre o 50 e o 75% das taxas, o que suporá un importe de 102.000 euros.

Inicia sesión para enviar comentarios