17062019Lun
Última edición: Lun, 17 Jun 2019 6pm

arqueoloxía

O vertedoiro dos castrexos no Trega convértese nun tesouro

Rematan os traballos de Escavación do Cuncheiro do Monte Trega na Guarda

07 Junio 2019 por
Valora este artículo
(0 votos)
Rematan os traballos de Escavación do Cuncheiro do Monte Trega na Guarda. Rematan os traballos de Escavación do Cuncheiro do Monte Trega na Guarda.

O Concello da Guarda promoveu, baixo a dirección de Brais X. Currás da Universidade de Coimbra (CEAACP), un Proxecto de Escavación, Análise e Sinalización do Cuncheiro do Monte Trega.

O proxecto de escavación foi executado polos arqueólogos da empresa Terra Arqueos, mentres que para o estudo do material do cuncheiro contarase co grupo de investigación en zooarqueoloxía da Universidade de León con Carlos Fernández Rodríguez á fronte, e máis co Grupo de Investigación en Arqueobiología do CSIC, con Marta Moreno.

Xunto á porta de entrada no castro do Monte Trega desde o sur consérvanse os restos un antigo cuncheiro, un espazo onde os habitantes do poboado botaban os restos da súa produción. Composto fundamentalmente por cunchas, conserva tamén restos de osos e espiñas de peixe, e tamén outras evidencias como restos cerámicos ou metálicos e calquera outro tipo de refugallo. As condicións artificiais que crea o propio cuncheiro, máis favorables que o chan ácido do substrato granítico, permiten que eventualmente se poidan conservar tamén outro tipo de restos como pode ser, por exemplo, a madeira.

O que non é máis que un vertedoiro para as persoas que viviron no Trega, é hoxe para nós un tesouro e unha fonte de información de valor incalculable.

A través do estudo dos cuncheiros podemos saber moito da vida cotiá das xentes que viviron nos castros. Sabemos que tipo de animais criaban, que especies cazaban, e como eran as prácticas de pesca e marisqueo. Deste xeito, podemos chegar a saber os lugares ata onde se desprazaban desde o poboado para captar os seus recursos.

Logo de varias semanas de traballo a equipa de investigadores desprazados ata o Trega remata a escavación, uns traballos que permitiron redescubrir as escavacións realizadas nos anos 30 por Mergelina, e que agora, deixan á vista a muralla e a porta sur do castro.

A análise polo miúdo das especies tamén nos di moito sobre as prácticas de consumo. Podemos chegar a comprender se o gando vacún se empregaba para produción cárnica, como forza de tiro ou para o aproveitamento do leite. O tamaño dos animais nos informa sobre o grado de desenvolvemento gandeiro. Podemos saber cal era a importancia da caza -si é que tiña algunha-, etc.

O estudo da evolución dun cuncheiro no tempo, en suma, pode ser unha mostra representativa do proceso histórico de configuración e evolución das comunidades castrexas desde a Idade do Ferro ata a súa submisión ao poder de Roma e das transformacións que implica para as formas de produción e consumo.

Mediante a sondaxe aberta, conseguiuse documentar o cuncheiro do castro, onde os seus habitantes botaban o lixo, documentando ademais o momento de construcción da súa muralla.

Este proxecto naceu co propósito de crear un recurso concibido como ferramenta para a promoción dun turismo sustentable e de calidade, e como medio cultural e social. Un proxecto que ofrece resultados e beneficios a diferentes niveis. Por unha banda, xerando novos coñecementos científicos a partir da análise do rexistro arqueolóxico, no marco dun programa de investigacións e actuacións arqueolóxicas. En segundo lugar, asumindo a necesidade da transferencia científica como un obxectivo prioritario, os resultados a investigación repercutirán na creación de medios para a posta en valor das evidencias arqueolóxicas.

A execución do proxecto permitíu levar a cabo a limpeza da vexetación da porta sur do castro do Monte Trega, a realización dunha sondaxe arqueolóxica, un estudo da arqueofauna, o levantamento fotogramétrico das estruturas escavadas e a instalación de paneis informativos.

Agora ábrese unha segunda fase de investigación no laboratorio, onde os arqueólogos van a estudar os restos recollidos no cuncheiro para ver que tipo de animais e marisco consumían.

Neste proxecto participou un equipo humano composto por 10 persoas entre dirección, equipo técnico, de restauración e de análise da paleofauna, contando cun orzamento que supera os 15.000€, subvencionado polo Concello da Guarda e a través das axudas para a rehabilitación e a sinalización do patrimonio histórico-cultural da Deputación de Pontevedra.

Deja un comentario

Asegúrate de llenar la información requerida marcada con (*). No está permitido el código HTML. Tu dirección de correo NO será publicada.

pleno de investidura

ocio

sucesos

VIGO

  • Últimas noticias

  • Más leído

Agenda

Sin eventos