O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, participou este sábado na presentación do proxecto “Acende o Xacobeo”, que inclúe a iluminación de 91 monumentos singulares de toda España como conta atrás do inicio do Ano Santo o día 31 de decembro coa apertura da Porta Santa. Ao acto tamén asistiu a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e a delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias.
Trátase de 41 monumentos representantivos das diferentes rutas do Camiño de Santiago que pasan pola comunidade galega, aos que se suman 50 doutras 10 autonomías que colaboran na iniciativa.
A iluminación nos concellos galegos levarase a cabo en tres fases –do 22 ao 25 de decembro, do 26 ao 28 e do 29 ao 31- e de forma secuencial a través das distintas etapas das rutas xacobeas ata chegar á catedral de Santiago evocando o percorrido que realizan os peregrinos. Así, os monumentos escollidos para cada fase iluminaranse de cor azul, coa proxección do logotipo do Xacobeo 2021 e a frecha amarela.
Ademais, na Torre do Reloxo da Catedral, coñecida como A Berenguela, proxectarase durante o período un vídeo de animación que tamén recreará a peregrinación a Compostela.
Á iniciativa sumáronse 10 comunidades autónomas –Andalucía, Aragón, Asturias, Cantabria, Castela e León, Estremadura, A Rioxa, Madrid, Murcia e Navarra- iluminando outros 50 monumentos, moitos deles vinculados ao Camiño de Santiago. Castela e León seguirá a mesma secuencia por fases que a comunidade galega e no resto de autonomías o acendido realizarase o 31 de decembro. No caso de Madrid, as iluminacións na glorieta de Atocha e no distrito de Fuencarral co logo do Xacobeo 2021 en gran formato estarán presentes durante todo o Nadal.
O vicepresidente primeiro da Xunta destacou que o Xacobeo 2021 que comeza nunhas semanas suporá unha oportunidade histórica para a reactivación do sector turístico e da economía galega e tamén para proxectar Galicia no exterior, a través dun elemento de referencia tanto a nivel nacional como internacional como é o Camiño de Santiago. Por iso, outra das iniciativas da programación inclúe a instalación de varias mouteiras doadas pola Xunta en lugares emblemáticos do mundo con vinculación cos galegos no exterior como a inaugurada esta semana na cidade de Bos Aires.
Alfonso Rueda apelou á implicación de todos os concellos galegos nun Xacobeo diferente e descentralizado debido á covid-19 pero o mellor dos Xacobeos posibles, do que asegurou que tódolos turistas e peregrinos que se acheguen a Galicia van poder desfrutar con tódalas garantías grazas a todas as medidas levadas a cabo para contar cun Camiño Seguro.
FASE 1 (do 22 ao 25 de decembro)
Camiño | Concello | Localización |
Camiño de Inverno | O Barco de Valdeorras | Concello do Barco de Valdeorras |
Camiño Francés | Pedrafita do Cebreiro | Igrexa de Santa María A Real do Cebreiro |
Camiño Francés | Portomarín | Igrexa de San Nicolás de Portomarín |
Camiño Inglés | A Coruña | Torre de Hércules |
Camiño Inglés | Ferrol | Teatro Jofre |
Camiño Norte | Lourenzá | Monasterio Benedictino de San Salvador |
Camiño Norte | Ribadeo | Igrexa Parroquial de Sta. María do Campo |
Camiño Portugués | Tui | Catedral de Santa María de Tui |
Camiño Portugués da Costa | A Guarda | Torre do Reló. Concello de A Guarda |
Camiño Portugués da Costa | Redondela | Albergue Casa da Torre |
Camiño Portugués da Costa | Vigo | Concatedral de Santa María |
Camiño Primitivo | Castroverde | Igrexa de Santiago Apóstolo |
Camiño Primitivo | A Fonsagrada | Igrexa de Santa María |
Ruta do Mar de Arousa e Río Ulla | Cambados | Pazo de Fefiñáns |
Ruta do Mar de Arousa e Río Ulla | Rianxo | Igrexa de Santa Columba |
Ruta do Mar de Arousa e Río Ulla | Vilagarcía de Arousa | Pazo de Vistalegre |
Vía da Prata | A Gudiña | Igrexa de San Martiño da Gudiña |
Vía da Prata | Monterrei | Parador Castelo de Monterrei |
Vía da Prata | Xunqueira de Ambía | Colexiata de Santa María |
FASE 2 (do 26 ao 28 de decembro)
Camiño | Concello | Localización |
Camiño de Inverno | Chantada | Casa de Lemos (Casa da Cultura) |
Camiño de Inverno | Monforte de Lemos | Torre da Homenaxe |
Camiño de Inverno e Vía da Prata | Lalín | Igrexa de Santa María das Dores |
Camiño Fisterra Muxía | Ames | Capela de Santa Maria Madalena |
Camiño Francés | Melide | Iglexa de San Pedro de Melide |
Camiño Francés | Sarria | Igrexa Santa Mariña |
Camiño Inglés | Betanzos | Igrexa de Santiago |
Camiño Inglés | Pontedeume | Torreón dos Andrade |
Camiño Norte | Mondoñedo | Catedral de Mondoñedo |
Camiño Norte | Vilalba | Parador de Vilalba |
Camiño Portugués | Caldas de Reis | Igrexa de Santo Tomé Becket |
Camiño Portugués | Padrón | Igrexa de Santiago Apóstolo |
Camiño Portugués | Pontevedra | Igrexa de San Francisco |
Camiño Primitivo | Lugo | Catedral de Lugo |
Vía da Prata | Ourense | Catedral de Ourense |
Vía da Prata | San Cristovo de Cea | Torre do Reloxo |
FASE 3 (do 29 ao 31 de decembro)
Camiño | Concello | Localización |
Camiño Fisterra Muxía | Fisterra | Faro de Fisterra |
Camiño Fisterra Muxía | Muxía | Santuario Virxe da Barca |
Santiago de Compostela | Santiago de Compostela | Igrexa de San Bieito do Campo |
Santiago de Compostela | Santiago de Compostela | San Caetano |
Santiago de Compostela | Santiago de Compostela | Catedral (Torre do reloxo) |
Santiago de Compostela | Santiago de Compostela | Torres Hejduk |