Este venres, 18 de xullo, ás 20:00 horas, chega á Évame Oroza o broche final do festival Máis Alto que o Ceo coa poesía irreverente, honesta e directa de Samuel L. París, que presenta o recital O tenro é o salvaxe, título que comparte co seu último poemario, publicado pola Editorial Galaxia. A entrada é libre ata completar aforo.
Samuel L. París é poeta, narrador e músico. Autor de obras como O único e verdadeiro Deus das cousas que están feitas un cristo ou Poemarionova (ambas en Edicións Positivas) ou O tenro é o salvaxe, vén de estrearse tamén na narrativa con Pifostio, publicado pola editorial Xerais.
A súa poesía combina o lirismo coa crítica social e o humor, nun estilo inconfundible que conecta con públicos diversos.
Ademais da súa traxectoria literaria, París foi baixista da banda Terbutalina, con quen publicou sete discos e percorreu centos de escenarios ata o ano 2017. Tamén formou parte de Thee Blind Crows, e na actualidade é o creador e presentador de A Catapulta, un programa sobre poesía en directo en colaboración con O Salto Galicia, que se pode ver en Youtube e Twitch e escoitar en formato podcast.
Este recital promete ser «unha despedida vibrante para unha edición do festival que apostou, unha vez máis, por achegar a poesía ao público dun xeito próximo, fresco e contemporáneo», destacan desde o colectivo cultural.
O Festival da Poesía e a Oralidade Máis Alto que o Ceo 2025 quedou formado por seis sesións, con Helena Salgueiro, Leo de Matamá, o espectáculo Kennebec de Iria Pinheiro e Mónica de Nut, Tamara Andrés, “Vendo a miña alma: poxa de poetas” e Samuel L. París.
- Día: 18 de xullo
- Hora: 20:00 horas
- Lugar: Local da asociación Évame Oroza (Subida á Costa, 5 – Praza do Abanico – Casco Vello Alto de Vigo)
