Así o anunciou o presidente da Mancomunidade de Concellos do Val Miñor (MCVM) e alcalde de Nigrán, Juan González, na clausura do obradoiro de emprego Terras do Miñor IV, no que participaron 23 alumnos-traballadores que se formaron nas especialidades de Operación Básica de Cociña e de Servizo de Restaurante.
Ao acto, celebrado no Auditorio Municipal de Nigrán, asistiron os rexedores de Gondomar e Baiona, Paco Ferreira e Ángel Rodal, así como do delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, e o xefe territorial da Consellería de emprego en Pontevedra, Ignacio Rial.
O alcalde de Nigrán salientou o éxito da cuarta edición de Terras do Miñor, xa que «algunhas das persoas que concluíron o obradoiro xa están a traballar no sector hostaleiro» e aproveitou para comunicar a solicitude dun novo proxecto laboral, Valmiemprega-Xove, que conta cun orzamento de máis de 370.000 euros (370.839,39 euros) dos que as tres localidades aportan 10.578 euros en total. «Os concellos do Val Miñor volvemos a colaborar xuntos nunha proposta formativa co obxectivo de facilitar o acceso da xente máis nova da comarca ao mercado de traballo», comentou González, quen subraiou a importancia da temática dos obradoiros para a súa posterior inserción laboral.
Nesta nova iniciativa, dirixida a rapaces desempregados de entre 16 e 30 anos, vólvese a apostar pola impartición de cursos relacionados cunha das principais actividades da zona, como é o turismo, e coas novas tecnoloxías aplicadas á potenciación deste sector. Deste xeito, ofertaranse as especialidades de «Promoción turística local e información ao visitante», «Desenvolvemento de aplicacións con tecnoloxías web» e «Deseño de produtos gráficos». En cada curso haberá 15 alumnos-traballadores que, durante seis meses, terán que realizar 1.680 horas teóricas e 1.200 horas prácticas para recibir o seu diploma.
Nova edición de «Terras do Miñor»
O alcalde de Nigrán sinalou, ademais, que xa está en marcha a petición á Xunta de Galicia da quinta convocatoria de Terras do Miñor, da que se poderán beneficiar outras 45 persoas desempregadas da comarca e á que nesta convocatoria se suma o obradoiro de “Limpeza de superficies e mobiliarios en edificios e locais”.