«Queremos que a Xunta de Galicia entenda que cómpren actuacións urxentes neste espazo natural, xa que o seu deterioro vai en aumento, sobre todo, estes días coas intensas chuvias que estamos a sufrir», explica o alcade do municipio, Juan González. Neste sentido, o rexedor sinala que entregou un informe ao vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, para trasladarlle persoalmente o problema e solicitar colaboración institucional co obxectivo de frear a degradación deste ecosistema.
Dende o departamento autonómico xustifican a súa negativa a realizar un estudo técnico sobre como actuar no areal -tal e como solicitou o alcalde hai quince días- sinalando que a conservación das dunas corresponde á Administración local, ao ser declaradas de forma provisional Espacio Natural de Interese Local (ENIL) en 2014.
É por isto que o grupo municipal xa empezou a traballar no asunto e, tal e como anunciou González no último pleno do Concello, contactou co director-conservador do Parque Nacional das Illas Atlánticas, José Antonio Fernández Bouzas, e con profesores expertos en sistemas dunares da Universidade de Vigo e outras institucións para solicitarlle a elaboración dun informe sobre o impacto que está a ter o río Muíños neste espazo.
«Unha vez que dispoñamos da valoración técnica destas especialistas, esperamos poder actuar coa maior celeridade posible na solución a este problema e protexer o sistema dunar», conclúe González.