O alcalde de Nigrán, Juan González, animounos á súa saída do centro educativo, e aproveitou para lembrar a importancia de adecuar as estradas da comarca a ciclistas, condutores e peóns «para favorecer unha convivencia exenta de perigos», logo da dramática fin de semana vivida no municipio coa morte de Casás, veciño da localidade, cando circulaba en bicicleta xunto con outros compañeiros.
Trátase do segundo ano consecutivo que o colexio organiza esta ruta co obxectivo de dar a coñecer a comarca entre os estudantes do colexio St. John´s Primary School de Manchester pero este ano a marcha, xa programada dende hai uns meses, tivo un ton simbólico, xa que algúns dos profesores portaron crespóns negros para amosar o seu apoio á familia do falecido e aos ciclistas afectados no sinistro.
Escolares e mestres partiron ás 10.00 da mañá do colexio, pasando por Praia América, A Ramallosa e Sabarís, ata chegar á vila mariñeira ás 11.15 horas, onde visitaron a Carabela Pinta e pasearon por Monte Boi, ao carón do Parador de Monterreal, para regresar de novo ao CEIP Humberto Juanes ás 14.00 horas aproximadamente.