Esta actuación forma parte do Plan de Sendas de Galicia e será cofinanciada con Fondos Feder do programa operativo 14/20.
A obra ten por obxecto darlle continuidade á senda xa executada no ano 2013 e realizar unha reordenación do tráfico, mellorando ademais o firme da estrada autonómica nesta zona. Concretamente, a senda de algo máis de 300 metros iníciase na intersección coa avenida Praia América e coa rúa Francisca Lago (punto quilométrico 14+700 da PO-325), e finaliza na intersección coa rúa Foz, lugar no que comeza o paseo ata Baiona.
A senda, que será de uso mixto, para peóns e ciclistas, terá un ancho de 2,5 metros e estará separada da estrada por unha banda vexetal e a beiravía, para o que se ampliará a calzada pola marxe dereita ata o límite do dominio público, sen ser necesarias expropiacións. Tamén mellorarase o firme, renovarase a beirarrúa da marxe esquerda e instalarase unha rede de drenaxe para a canalización das augas pluviais.
Ademais, aproveitaranse estes traballos para realizar outras actuacións complementarias na rede de drenaxe para as augas pluviais; substituír o alumeado, no lado esquerdo; e realizar a canalización para a instalación de futuros servizos.
Plan de Sendas na comarca de Vigo
Estas actuacións están enmarcadas no Plan de Sendas na comarca de Vigo, no que a Xunta está a facer un investimento de 4,3 millóns de euros para a construción de case 13 quilómetros de itinerarios seguros e sustentables. Búscase que os veciños de Vigo e do seu contorno poidan desfrutar de vías integradas na paisaxe para realizar os seus itinerarios habituais.
As sendas supoñen beneficios para as persoas, ao velar pola súa seguridade e tratar de fomentar hábitos máis saudables; as vilas, significando menor conxestión de vehículos en tramos saturados e novos espazos de tránsito; e para o medio natural, garantindo menos contaminación acústica e mellora da calidade do aire, ao reducir a emisión de gas.