Paralelamente, tivo lugar o Campionato Galego de Grandes Maquetas de Radiocontrol e no paseo marítimo realizouse unha exposición de pequenas réplicas de avións de combate, a turborreacción e de helicópteros. O evento, ao que asistiron miles de espectadores, estivo controlado por xuíces autonómicos da federación e desenvolveuse dende as 09,00 ás 14,00 horas.
“A praia de Panxón é realmente un aeródromo natural que xa foi utilizado polo afamado piloto galego e comandante de artillería Joaquín Loriga o 2 de xullo de 1927. É unha zona espectacular para aterrar e voar e o evento realmente supón o gran colofón á programación de agosto”, sinalou o alcalde, Juan González.
As aeronaves participantes son aparatos biplaza ou monoplaza que non superan os 450 kg e que alcanzan unha velocidade de cruceiro de 160 km/hora, podendo chegar aos 300 km/hora e, en velocidade lenta, nunca voan a menos de 80 km/hora. Estas foron manexadas por galegos e portugueses, procedendo un dos ultralixeiros de Madrid, outro de Barcelona e o resto de Portugal e Galicia. Como dato curioso, nesta ocasión participou como copiloto ao mando a federada máis nova de España, Enola Fernández, unha nigranesa de 6 anos que voará xunto ao seu pai Sergio Fernández (nigranés vencedor das dúas últimas edicións e organizador) no papel de instrutor.
O campionato de ultralixeiros constou de tres probas diferentes que se poideron observar perfectamente na praia de Panxón e dende unha pantalla xigante de televisión que retransmitiu en directo as diferentes fases con cámaras instaladas na propia cabina dos ultralixeiros ou nun dron. Tódolos aparatos despegaron dende o aeródromo de Cerval (Vilanova de Cerveira) para culminar as probas no areal de Nigrán. Este traxecto en coche supón uns 45 minutos, mentres que as aeronaves o realizan en 7-8 minutos.