10122019Mar
Última edición: Lun, 09 Dic 2019 8pm

Nigrán aspira a unha liña circular de bus nas parroquias, outro carril bici e máis puntos de recarga

O Concello elaborará o primeiro plan de mobilidade sostible da vila para dar prioridade ao transporte público, reforzar as dotacións para coches eléctricos e mellorar o aparcamentos nos principais núcleos de poboación

31 Julio 2019 por
Valora este artículo
(0 votos)
Punto de recarga de coches eléctricos en Nigrán. / Foto: Concello de Nigrán Punto de recarga de coches eléctricos en Nigrán. / Foto: Concello de Nigrán

O Concello de Nigrán vén de contratar o seu primeiro plan de mobilidade sostible para o municipio a través dunha subvención da Deputación de Pontevedra de 18.150 euros. O traballo, encargado a Soltec Ingenieros SL e que estará listo tras o verán, busca un plan coherente e factible que permita establecer as bases para futuras actuacións concretas e abrir as portas para poder optar a subvencións e axudas da Unión Europea no eido do transporte sostible.

A intención da administración local é dar prioridade ao peón, seguido do ciclista, o transporte público e, finalmente, o vehículo privado. Tras manter o goberno local e os redactores do plan encontros coas diferentes entidades veciñais para coñecer as súas demandas e suxerencias, o Concello publicou na web municipal unha enquisa dirixida a toda a poboación do municipio para coñecer máis polo miúdo as carencias da vila e necesidades das persoas.

Nunha primeira aproximación, o plan director centrarase nestas posibilidades: unha liña de autobús circular, unha mellora de aparcamentos nos principais núcleos de poboación, creación dun carril bici entre Panxón e a Ramallosa e, finalmente, un reforzamento das infraestruturas para coches eléctricos.

“Se conseguimos levar a cabo estas catro cuestións, con ou sen axudas europeas, serían un éxito para o municipio, especialmente a liña circular de autobús urbano, que mudaría a vida de moitas persoas do interior”, explica o alcalde, Juan González.

Así, o obxectivo sería unir mediante un autobús as parroquias do interior cos principais servizos do centro urbano (liñas de autobús interurbano, centros médicos ou Casa do Concello, fundamentalmente). “Apostamos por esta iniciativa, o plan establecerá cal sería o traxecto máis axeitado, a frecuencia da mesma ou as paradas imprescindibles”, explica González.

Outra cuestión que está a analizar o plan é a posibilidade de mellorar os aparcamentos existentes, especialmente en zona urbana, onde se detectan carencias que son importantes arranxar (centro de Nigrán, A Ramallosa ou Panxón).

Ademais, estudará a implantación dun carril bici entre Panxón e A Ramallosa coas características básicas en medidas de seguridade deste tipo de infraestruturas e sen ocupar beiravías e sen desprazar nunca ao camiñante.

Finalmente, e dentro do plan do Concello para fomentar o uso de vehículos non contaminantes, o plan aposta por implantar as infraestruturas destinadas aos vehículos eléctricos establecendo, entre outros aspectos, máis puntos de recarga. O propio Concello conta con un de uso público e de balde dende hai máis dun ano.

Inicia sesión para enviar comentarios

medio ambiente

tráfico

espectáculos

  • Últimas noticias

  • Más leído

Comarcas

Sin eventos

Agenda

Sin eventos