12122018Mié
Última edición: Mié, 12 Dic 2018 11am

O goberno de Nigrán acada un acordo con UCN e BNG para os Orzamentos

Incorpora novas achegas realizadas por ámbolos grupos e garante cumprir con compromisos clave asumidos por toda a Corporación

14 Abril 2018 por
Valora este artículo
(0 votos)
Concello de Nigrán. Concello de Nigrán.

O goberno de Nigrán levará novamente ao vindeiro pleno ordinario do 26 de abril o orzamento de 2018 tras acadar un acordo formal con BNG e UCN que garantirá a súa aprobación de ser ratificado polos respectivos órganos de partido. No pasado pleno aprobouse unha emenda para non sometelo a votación e o goberno decide agora volver a presentalo.

Este acordo alcanzado con UCN e BNG prodúcese tras incorporar o goberno outras novas achegas realizadas por ámbolos grupos e deixar garantido o cumprimento de compromisos clave asumidos en Pleno por toda a corporación, como a construción da nova biblioteca, a mellora da dotación do GES a través de aumentar a contía á Mancomunidade ou o pago a CESPA dos atrasos acumulados dende 2013 (136.481 €). O pacto foi ratificado formalmente tras asinar o alcalde, a petición de UCN, un compromiso formal e por escrito con prazos establecidos e, ademais, como requiría o BNG, publicar o borrador no portal de transparencia da web municipal (como xa demandaran en 2016).

“Presentamos de novo as contas porque estes dous partidos da oposición demostraron que sitúan o benestar dos veciños por riba de calquera interese partidista. É un documento que empezamos a negociar en outubro con toda a corporación e que, consideramos, recolle os verdadeiros intereses da veciñanza”, sinala o alcalde, Juan González, quen agradece públicamente a disposición ao diálogo de Xavier Rodríguez (portavoz do BNG) e Antonio Fernández Comesaña (portavoz de UCN).

Así, entre os novos cambios introducidos por parte do BNG destaca o incremento da partida para ‘Renovación de Sinalización Viaria’ co obxectivo de harmonizar e delimitar moito mellor paradas de autobús, direccións únicas, zonas de carga e descarga, etc. (15.000 euros) ou crear unha partida específica para sendos estudos de reordenación do tráfico na contorna de A Ramallosa e para cubrir a pista polideportiva do CEIP Humberto Juanes (co obxectivo de que sexa tamén de uso público). Paralelamente, entre os investimentos de UCN destaca a humanización de Camiño Vello con cargo ao remanente de 2017 e contratación das obras no mes de agosto, a ampliación e mellora das rúas Gándara e Ponte Muíña (dan aceso ao IES Val Miñor e Porto do Molle), instalar saneamento en rúas como Lagoíña, Xestal e Palomar; contratar auditorías a tódalas empresas concesionarias ou a a compra de terreo en Porto do Molle para a construción dun almacén municipal (que deberán estar en marcha antes de que finalice o exercicio). Ao marxe destas infraestruturas concretas, UCN sitúa como “condición irrenunciable” que permitiu este acordo puntual que o goberno presente as contas de 2017 antes do 15/05/2018 para poder empregar o Remanente de tesourería e negociar o seu destino. Pola súa banda, o BNG considerou tamén fundamental para a súa aprobación o compromiso que asume o goberno cos nacionalistas de crear novos parques forestais (a maiores do proxectado entre Camos e Chandebrito) ou a total garantía de levar adiante importantes intervencións medioambientais coma a dos marxes do río Nespereira e Ríos Muíños.

Finalmente, Antonio Comesaña situou tamén como eixo prioritario para o acordo co goberno a súa achega de novas actuacións en materia de ingresos que non teñan como destinatarios os petos dos veciños, se non ás grandes empresas (electricidade, gas ou telecomunicacións) pola utilización do dominio público local, levando a cabo unha inspección fiscal da taxa para determinar o correcto cumprimento das suas obrigas tributarias coa facenda municipal, e mesmo coa concesionaria da auga e saneamento Aqualia. Neste sentido, inclúese a elaboración dunha ordeanza fiscal reguladora de taxa polo transporte de enerxia eléctrica de alta tensión etc., antes do 30 de setembro de 2018.

“Dende UCN manifestamos publicamente a nosa disposición ao diálogo tralo pleno de marzo por responsabilidade e compromiso cos cidadáns e valoramos o acordo positivamente. Pese a todo, non ocultamos certo desencanto polo incumprimento de determinados asuntos do orzamento de 2016, por iso nesta ocasión presentamos un compromiso formal e por escrito como garante do seu cumprimento”, resume Comesaña. “No BNG non estamos dispostos a que obras tan importantes como as humanizacións das rúas Otero Pedrayo e Manuel Lemos ou a renovación das rúas do entorno da piscina, todas elas reclamadas por nós, se vexan seriamente comprometidas por unha mal entendida, dende o noso punto de vista, estratexia electoral”, engade Xavier.

Deja un comentario

Asegúrate de llenar la información requerida marcada con (*). No está permitido el código HTML. Tu dirección de correo NO será publicada.

sucesos

navidad

peajes

acordo

comarcas

  • Últimas noticias

  • Más leído

Comarcas

Sin eventos

Agenda

Sin eventos