19012020Dom
Última edición: Sáb, 18 Ene 2020 9pm

520 aniversario do mercado de sabarís

Mercado medieval en Sabarís con feira de artesáns

A Praza Victoria Cadaval acollerá este domingo, entre as 10:00 e as 21:00 horas, o I Mercado Medieval de Sabaryz

26 Mayo 2017 por
Valora este artículo
(2 votos)

O Concello de Baiona xa ten todo preparado para celebrar este domingo o 520 aniversario do Mercado de Sabarís cunha feira medieval na que haberá pasarrúas, actuacións e un recinto con máis de 70 artesáns. Os cortes de tráfico nas principais rúas da parroquia comezarán o sábado e durarán ata última hora do domingo.

Disparos de salvas, pasarrúas, grupos de gaitas, mercado medieval con artesanía e anticuarios, espectáculo de fogos, actuacións cómicas e circenses... Sabarís prepárase para conmemorar este domingo por todo o alto unha data histórica: o 520 aniversario do Mercado de Sabarís, un dos máis antigos de Galicia ao ser autorizado polos Reis Católicos en 1497.

“A implicación e colaboración de todos os veciños, comerciantes, asociacións e colectivos foi fantástica, existiu unha total implicación e o Concello estaría disposto a consolidar a cita como a gran festa de Sabarís para por en valor o patrimonio e a cultura da parroquia”, afirma a concelleira María Iglesias, encargada xunto ao edil Policarpo Vilar da organización e a coordinación cos colectivos Coemsa (Asociación de Comerciantes e Empresarios de Sabarís), Castro e Ladeira (Asociación de Veciños) e Encaixamos (Asociación de Persoas con Discapacidade do Val Miñor) para os preparativos da celebración.

Os actos comezarán as dez da mañá do domingo co disparo de salvas e continuarán cun pasarrúas e desfile inaugural amenizado polo grupo Trip Malabart. Ás 12:00 horas actuará o grupo de gaitas A Seneira de Baiona e as 13:00 horas, na Praza Victoria Cadaval, celebrarase o acto inaugural de apertura do mercado medieval. Ás 13:15 horas será o momento da exhibición circense con malabares, acrobacias, teatro e clown, mentres que xa pola tarde continuarán as actuacións e os espectáculos de fogo. O Mercado de Sabaryz pechará ás 21:00 horas.

Cartel Sabarís

“A promoción de Sabarís é un dos obxectivos do Concello e para ser a primeira edición estamos moi satisfeitos porque existe unha gran ilusión e expectación por parte dos veciños e os empresarios”, apunta Policarpo Vilar.

Mercado de artesanía e cortes de tráfico
O núcleo central da feira será a Praza Victoria Cadaval, onde se instalarán máis de 70 postos de artesáns, todos eles con produtos de elaboración propia, e anticuarios. Ademais, todos os establecementos hostaleiros teñen a posibilidade de instalarse no mercado e serán os encargados da oferta gastronómica. Tamén haberá postos dos colectivos Castro e Ladeira e Encaixamos.

Os preparativos e a celebración do Mercado Medieval de Sabaryz obrigan a realizar cortes de tráfico, polo que o Concello tamén informou de que dende o sábado ata última hora do domingo as principais rúas da parroquia estarán restrinxidas á circulación. Así, dende as 10:00 horas da mañá do sábado ata as 21:00 horas do domingo quedará cortado o tramo entre a Praza Victoria Cadaval e a rúa Julián Valverde, á altura da Avenida José Pereira Troncoco. Tamén, a partir das 21:00 horas do sábado e durante toda a noite pechará o tramo entre Julián Valverde e o cruce de Frutas Vilar para levar a cabo a instalación dos postos do mercado.

Privilexio dos Reis Católicos
A primeira referencia documentada do Mercado de Sabarís data do ano 1497, cando os Reis Católicos concederon o privilexio á Real Vila de Baiona para celebrar un “mercado de mantenimientos de pan y de vino en Monterreal” co obxectivo de estimular e reforzar a repoboación da Fortaleza. “A partires de entón o Monterreal disporía dun mercado que non era do agrado e nunca gozou do interese dos veciños e feirantes por encontrarse nunha zona que non era a máis adecuada para eles polo seu difícil acceso”, explica Cristina Vilar Misa, directora do Arquivo Histórico e a Biblioteca Municipal de Baiona.

A documentación analizada pola directora confirma que Sabarís sempre foi o lugar elixido polos veciños e feirantes. “Mentres celebrábase o mercado nas rúas intramuros (Plaça y Rúa del Malcozynado), feirantes e regateiras queixábanse en diferentes puntos de extramuros, como na Vila Vella, o Burgo e na calzada de Sabarís. Durante 400 anos a pugna por establecer o mercado fóra da Fortaleza foi constante”, engade Cristina Vilar.

No último terzo do século XIX a Fortificación do Monterreal foi declarada en ruína, polo que aquela feira é a mesma que hoxe en día celébrase en Sabarís. Pero o vasto e rico Arquivo Histórico de Baiona amosa tamén outros apuntes de interese. “Houbo peticións á Coroa no século XVI por parte do correxidor da Vila para que se estableceran dúas feiras francas, ambas extramuros. Unha delas na ermita do Burgo e outra en Nosa Señora de Cela (Baredo), aínda que non temos constancia ata o de agora de que ningunha delas chegase a celebrarse”, apunta a directora do Arquivo Municipal.

vigo

sucesos

  • Una tromba de agua inunda el centro de Vigo
    Una tromba de agua inunda el centro de Vigo La alerta amarilla anunciada para este jueves por lluvias persistentes y naranja por fuertes vientos está respondiendo a las expectativas en Vigo. Las precipitaciones están siendo constantes a lo largo del día y, unidas a las intensas ráfagas que están…
    Leer más...

medio ambiente

  • Últimas noticias

  • Más leído

Comarcas

Sin eventos

Agenda

Sin eventos