O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, vén de asinar o convenio de colaboración co alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, para a adecuación do espazo público na contorna da igrexa e do cemiterio de Donas. Un acordo asinado no marco do Plan Extra, o novidoso plan de investimentos do goberno provincial que mobiliza ata 38 millóns de euros entre os concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia para executar proxectos estratéxicos. No Pazo provincial, López e Ferreira selaron un acordo a través do cal o organismo provincial financia o 100 % dun proxecto valorado en máis de 1,2 millón de euros cunha achega de 900.000€ a través do Plan Extra e co aporte de 308.000€ para cubrir a parte correspondente do Concello a través do Plan +Provincia.
O proxecto consiste na creación dun espazo de preferencia peonil mediante a formación dunha plataforma única coa inserción de espazos verdes. Así mesmo, instalaranse novas canalizacións para completar a rede soterrada de baixa tensión e a de iluminación pública, así como implantar unha nova rede de pluviais, de telecomunicacións e a renovación da rede de abastecemento e saneamento existente. Do mesmo xeito, recuperarase o ámbito da fonte e lavadoiro tradicional como espazo público e dotarase á zona de mobiliario urbano, marquesiñas, iluminación, masas vexetais, papeleiras e bancos.
A colaboración da Deputación co Concello de Gondomar non se limita unicamente ao Plan Extra. O Concello ten previsto recibir este ano de mans do organismo provincial preto de 2,2 millón de euros a través de programas do servizo de Cooperación como o Plan +Provincia e o Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas.