«Eu andaría dereita senon estivera tanto tempo ao argazo», explica Rosa, mariscadora de percebe dende os 15 anos. Ela é de Baredo, de familia mariñeira, e tivo que emigrar a Alemaña con seu marido.
«Empecei con 15 anos ao percebe e ao argazo, tamén traballaba no campo, co arado, despois marchei a Alemaña e volvín no ano 1968», asegura aos xornalistas. Tivo sorte, nunca sufriu accidente algún, tan só «algún golpe, pero por sorte nada grave», e lembra que morreu moita xente no mar. «Era moi duro, íamos camiñando, pola noite, e durmíamos nunha cabaña en Pedornes (Oia)», apunta.
Rosa ten boa memoria. Rememora as viaxes a Vigo para vender a pesca. «Íamos no tranvía co percebe para vender no Berbés; tamén a Gondomar. Xuntábamos de dous días e o vendíamos, a peseta o platiño, era unha escravitude, toda a tina a 13 pesetas», lamenta.
«Tamén vendíamos o argazo, viñan con carros de Tomiño, antes moito se traballaba, agora é enredar, catro horas a traballar e xa están cansadas. «Veño de traballar, din. E entón, en que traballas», di con retranca e entre risas. «Agora é unha vagamundería, porque mira, antes faciamos de comer en calderetas, non había cociña, nin leña, había que ir aos ríos, á chamiza, atender ás vacas, ir aos pinos… iso si que era traballar. Non só eu, todos», engade.
Despois de toda unha vida de esforzo, chegou o momento de descansar e Rosa non perde o tempo. «Agora fago sopa de letras, cruzadas, revistas, xogo ás cartas… pero tamén estiven na escola de maiores, sempre se aprende», asegura. Incluso quitou o carné de conducir, pero non esquece un suspenso. «Non mirei o retrovisor e cateáronme».
Fermín, «O Migueliño»
Fermín Pousa Marcote tamén terá a súa homenaxe a unha vida adicada ao mar. «Empecei aos 12 anos a ir co meu abó a pescar pachán (choupa), despois pescábamos coa gamela, tamén con palangres, racú…», relata.
No ano 1961 armou o seu pesqueiro «Migueliño» e xa en 1972, constrúen o «Novo Migueliño» en Meira, despachado para cinco tripulantes. «Traballaba ben e por iso tardei tanto en xubilarme, vendiamos o congrio e o camarón en Vigo», explica Fermín.
Víuvo e con dúas fillas, tamén rememora unha abordaxe. «Un día que había moita néboa saimos en dirección a Aldán, íamos catro, e abordounos un barco de arrastre, costou a reparación un millón de pesetas, toda a obra morta», explica. Fermín, xubilado dende que cumpriu 70 anos, non bota de menos a mar e todos os días va a Baiona «a dar unha volta».
As homenaxes serán o domingo na Colexiata de Baiona (20:30 horas), logo haberá procesión e o Baile das Espadas. Ademais, as festas do Virxe do Carme de Baiona celebrarán unha ofrenda floral o luns (19:00 horas) cunha romería marítima con barcos particulares.